miércoles. 01.05.2024
Finca na que os socialistas propoñen crear o aparcadoiro.
Finca na que os socialistas propoñen crear o aparcadoiro.

O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo defenderá unha moción no pleno municipal deste xoves na que insta novamente ao Goberno municipal a crear un aparcadoiro público ao carón da Praza Maior vianesa. Os socialistas recordan que xa o propuxeron en maio de 2022 e foi aprobado en sesión plenaria, pero “nada se fixo ata o día de hoxe para xestionar a súa posta en funcionamento”, denuncian.

Dende o grupo socialista vianés explican que mantiveron conversas coa propietaria da parcela, coñecida como finca do Jesusín, Esperanza Arias, que amosou “total dispoñibilidade para colaborar e que se leve adiante esta iniciativa. Na moción instan ao Concello a ofertarlle á propietaria, coma compensación pola cesión, “a exención dos tributos vinculados a finca, tales coma o IBI e demais cargas tributarias dependentes do concello”. Ademais, requiren do Goberno municipal que “asuma o acondicionamento da finca para poder ser utilizada como aparcadoiro, así como os accesos que se acorden.

Os socialistas de Viana acusan ao actual rexedor do Partido Popular, Andrés Montesinos, e ao seu equipo de Goberno de “inacción”, xa que “non cumpriron cos acordos plenarios, o que provoca que en Viana siga existindo un completo caos circulatorio”. Neste senso, lembran que o centro da vila “adoece de espazos para poder estacionar os vehículos, cando a veciñanza e os visitantes acoden a facer xestións, a mercar ou de visita ao municipio.

A situación na Praza Maior é caótica, xa que é frecuente atopar vehículos enriba das beirarrúas, o que provoca importantes trastornos na circulación dos peóns (Germán García-Ávila, voceiro do PSdeG-PSOE de Viana)

O voceiro do PSdeG-PSOE de Viana, Germán García-Ávila, resalta que a situación na Praza Maior “é caótica, xa que é frecuente atopar vehículos enriba das beirarrúas, o que provoca importantes trastornos na circulación dos peóns. Por iso, o edil socialista fai fincapé en que a construción deste aparcadoiro “permitiría mellorar a mobilidade tanto de vehículos coma de peóns, rematando co caos e a odisea que supón moverse por Viana nestes momentos”.

García-Ávila Arias lembra que actualmente “existe unha ordenanza que prohibe estacionar na Praza Maior e noutras rúas colindantes na fin de semana, no período estival e tódolos días a partir das 20:30 horas”, pero engade que é coñecido por todos e todas que esta ordenanza non se respecta e dende o Concello tampouco se fai nada para solucionalo.

Os socialistas reiteran a necesidade de “mellorar a mobilidade en Viana do Bolo coa construción deste aparcadoiro público”, algo que segundo sinalan,rematará coa penosa imaxe que presenta a Praza Maior, ateigada de vehículos que non respectan as ordenanzas municipais

NOTICIAS VIANA | O PSdeG vianés reclama un aparcadoiro público para evitar o "caos...