O Bloque Nacionalista Galego de Viana do Bolo vén de expresar o seu malestar ante a "inacción" do PSdeG-PSOE nas negociacións para formar un goberno alternativo ao Partido Popular no concello. Tras un mes sen resposta ao documento de negociación presentado polo BNG, a asemblea local nacionalista instou ao PSOE a "ser serios" e a deixar de "enredar" se realmente teñen intención de conformar un goberno de coalición.
A orixe deste conflito remóntase ao pasado mes de xaneiro, cando o PSdeG-PSOE lanzou unha proposta pública para negociar un goberno alternativo. O BNG respondeu a esta proposta acusando aos socialistas de "enredar" e negando a existencia de reunións entre ambos partidos da oposición vianesa; uns días despois, a formación nacionalista recoñecía a existencia de "reunións persoais". Ao final, ambas formacións reuníronse a finais de xaneiro. Nesa reunión, os socialistas propuxeron compartir a alcaldía, cun ano para o PSdeG-PSOE e o resto da lexislatura para o BNG.
Ao final, a asemblea local do BNG analizou a proposta socialista e elaboraba un documento propio de negociación que incluía unha proposta de goberno ao 50% e unha serie de medidas para "sacar ao concello de Viana do Bolo da situación catastrófica na que se encontra". Os nacionalistas aceptaron a liña vermella marcada polos socialistas sobre a repartición da alcaldía, "polo ben de Viana", e trasladou esta proposta nunha reunión o pasado 13 de febreiro.
Xogar cos intereses de Viana
Con todo, tras un mes sen resposta do PSdeG-PSOE, o BNG denunciou o "bloqueo" das negociacións e acusou aos socialistas de "xogar cos intereses de Viana" e de "levantar falsas expectativas". "Dende o BNG instamos ao PSOE a ser 'serios' e deixar de enredar se queren conformar este goberno alternativo. E por suposto, se non hai intención que deixen de 'xogar' e crear falsas expectativas as veciñas e veciños de Viana do Bolo", declaran dende a formación nacionalista. A formación nacionalista reitera o seu compromiso de seguir traballando por Viana do Bolo, "tanto no goberno como na oposición", e de defender os intereses da veciñanza.


