domingo. 19.07.2026
A proposta socialista pasa polo reparto equitativo de concellerías e unha alcaldía rotatoria

Germán García-Ávila: "Se ao BNG lle interesa o progreso de Viana, é o momento de consensuar un goberno de coalición"

Germán García-Ávila, PSdeG-PSOE Viana03
Germán García-Ávila insta ao BNG a recapacitar e negociar un goberno de coalición.

A última sesión plenaria celebrada no Concello de Viana do Bolo puxo sobre a mesa as fortes diferencias que existen entre os dous partidos da oposición. O grupo municipal socialista denunciaba a inacción do actual goberno do Partido Popular e aproveitaba a reunión para botarlle en cara ao Bloque Nacionalista Galego "a falla de diálogo e consenso" para crear un goberno de coalición que poña fin ao "desgoberno que vive o municipio da man do PP".

Nun pleno no que se debatía o incremento das taxas municipais e a modificación extraxudicial de crédito para pagar facturas do pasado ano, o voceiro socialista, Germán García-Ávila, tivo palabras para todos. Acusou ao PP de "non ser quen de dirixir o consistorio" xa que "non teñen proxecto e arrastran déficit dun ano para outro"; ao tempo, tamén instaba ao BNG a "recapacitar e sentarse a negociar" para facilitar un goberno de coalición e progreso no municipio porque "Viana precisa dun cambio de goberno e a pelota está agora no tellado do BNG".

Se a día de hoxe Viana do Bolo non ten un goberno de coalición entre PSdeG-PSOE e BNG é porque os nacionalistas non son razoables e queren todo o poder e control para eles

A relación entre socialistas e nacionalistas non semella estar no seu mellor momento. A pesares de que o PSOE vianés afirma querer asinar unha moción de censura para crear un goberno bipartito, as duras palabras que o seu voceiro dirixe ao BNG poñen de manifesto o gran distanciamento que existe entre ambos partidos: "Se a día de hoxe Viana do Bolo non ten un goberno de coalición entre PSdeG-PSOE e BNG é porque os nacionalistas non son razoables e queren todo o poder e control para eles. O BNG debe recapacitar, deixar de mirarse o embigo e abandonar as súas ansias de controlar a cadeira de mando".

Goberno de coalición si, pero en igualdade

A proposta socialista para o posible cogoberno pasa polo reparto equitativo de concellerías e unha alcaldía rotatoria. Ata o de agora, PSOE e BNG mantiveron ata tres reunións para falar das condicións da posible moción sen chegar a acordo ningún. Motivo polo que García-Ávila pon de manifesto o seu enfado: "Se ao BNG lle interesa realmente o benestar, o progreso de Viana e rematar con este desgoberno, é o momento de sentarse a dialogar e consensuar un goberno de coalición, cun reparto equitativo de concellerías e unha alcaldía rotatoria". O que significaría que cada formación tería tres concellerías e a posibilidade de presidir o consistorio a metade do tempo que restase para rematar a lexislatura.

Germán García-Ávila: "Se ao BNG lle interesa o progreso de Viana, é o momento de...