
Despois dunha edición en liña que reuniu a máis de 200 asistentes de xeito telemático, esta mañá foi inaugurada en Expourense, a novena edición do Foro da Comunicación de Galicia, organizado polo Clúster da Comunicación de Galicia e o propio recinto feiral, coa colaboración da Xunta e da Deputación de Ourense.
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén, presente no acto, subliñou a responsabilidade e o compromiso coa veracidade dos medios de comunicación galegos. "Sodes exemplo no tratamento informativo da Covid, onde adoptastes unha perspectiva de veracidade, prudencia e de responsabilidade ante tanta incerteza; de comunicar de forma rigorosa, humana e empática para descartar dúbidas e xerar tranquilidade", destacou.
Tamén incidiu na importancia da liberdade de expresión e difusión, por constituír un dereito fundamental e unha das bases da convivencia democrática. "Eses son os valores que os poderes públicos deben garantir, removendo obstáculos e promovendo a participación da cidadanía na vida política, económica e social", reivindicaba. "Precisamos duns medios de comunicación plurais e independentes que cheguen a todos os galegos e que respecten os seus intereses, lingua, cultura e, en xeral, a galeguidade", sentenciou.