
O Concello de Verín vén de recibir a contestación á comunicación enviada á Consellería de Medio Rural na que se lle participaba a decisión adoptada en pleno de requerir o desaloxo da primeira planta da vella praza da abastos da vila.
Nela, o conselleiro de Medio Rural, José González, dise "sorprendido" polo acordo adoptado polo Pleno do Concello de Verín "dunha forma unilateral, e sen ter negociado previamente con esta Consellería para buscar conxuntamente posibles alternativas" e solicita, nese mesmo escrito, a colaboración dese "Concello para a busca de alternativas viables que permitan que a cidadanía da comarca de Monterrei non sufra as consecuencias da decisión tomada unilateralmente", recalca José González.
Remata o conselleiro de Medio Rural, xa convencido de que a decisión aprobada pola Corporación municipal é inamovíbel, solicitando que se lle amplíe o prazo de tres meses "outorgado para o abandono das instalacións, e se estableza un prazo axeitado e suficiente que permita a esta Consellería determinar a mellor solución de cara a seguir prestando un servizo óptimo ao sector primario da comarca de Monterrei".
O rexedor local, Gerardo Seoane, asegurou a esta redación que "dende o Concello de Verín prestaráselle á Consellería toda a colaboración oportuna para que realicen un traslado ordenado das dependencias que arestora ocupa a oficina de Extensión Agraria comarcal, porque a nosa decisión de ocupar as nosas instalacións é firme".