
11:47 do 23 de febreiro de 2022
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou este martes na presentación de Conecta Ourense, unha iniciativa impulsada en colaboración coa Confederación Empresarial de Ourense (CEO) que ten por obxectivo difundir a cultura da innovación entre o tecido empresarial, e axudar ás empresas e autónomos a dar o necesario salto cara á dixitalización, a sustentabilidade e a innovación.
Para iso, mediante o convenio asinado pola Xunta coa Confederación Empresarial de Ourense vanse abrir dous puntos de información e asesoramento da CEO nas comarcas de Valdeorras e Verín, para abranguer así unha área máis extensa e achegar este servizo a un maior número de pemes da provincia.
Desenvolveranse actividades divulgativas, xornadas, visitas a empresas, foros e outras accións para difundir entre o tecido empresarial ourensán a cultura da innovación, os apoios dos que dispoñen para innovar e a importancia de facelo. Tal e como destacou o vicepresidente económico, isto permitirá levar porta a porta un servizo de información e asesoramento indispensable para as empresas da provincia localizadas en contornos máis rurais.