domingo. 19.07.2026
Medio Rural presenta o novo acordo con Seaga ata 2029

A Xunta anima aos concellos a adherirse ao novo convenio de xestión da biomasa para reforzar a prevención de incendios

Presentacion do convenio de xestión da biomasa nas faixas secundarias.
Presentacion do convenio de xestión da biomasa nas faixas secundarias.

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, animou este mércores a todos os concellos de Galicia a adherirse ao convenio de xestión da biomasa nas faixas secundarias, co obxectivo de que poidan contar co apoio da Xunta para levar a cabo estas tarefas de prevención de incendios forestais. Así o destacou na presentación do novo acordo asinado coa empresa pública Seaga, vixente ata o ano 2029, nun acto celebrado no Monte do Gozo ante alcaldes e alcaldesas de toda Galicia.

 

Na xuntanza, a titular de Medio Rural estivo acompañada polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e pola directora xerente de Seaga, Luisa Piñeiro, que explicaron en detalle as actuacións previstas ao abeiro deste convenio. Gómez puxo en valor as vantaxes deste sistema público e instou aos concellos que xa estaban adheridos ao anterior acordo a renovar a súa participación, ao tempo que animou a sumarse aos municipios que aínda non formaban parte del. As adhesións poderán formalizarse a partir do vindeiro 29 de decembro, unha vez o convenio se publique no Diario Oficial de Galicia.

 

A conselleira subliñou que a prevención de incendios é unha tarefa "de todos", compartida tanto polas administracións como polos propietarios dos predios, que teñen dereitos pero tamén obrigas. Neste sentido, explicou que o obxectivo principal deste convenio é apoiar tanto aos concellos como aos titulares das parcelas no cumprimento deses deberes legais.

 

O novo acordo, que acaba de ser asinado para poder iniciar os traballos a comezos de 2026, incorpora importantes novidades. Entre elas destaca o aumento do orzamento destinado á xestión da biomasa, que se duplica ata acadar os 25 millóns de euros anuais. Esta contía inclúe o Fondo específico de Limpeza de Faixas, dotado con 10 millóns de euros por anualidade. Ademais, reforzarase o apoio a municipios e particulares, especialmente nos concellos de menos de 10.000 habitantes, co fin de facilitar o cumprimento da normativa vixente.

 

Outra das novidades salientables é a axilización das execucións subsidiarias nas zonas de risco de incendio onde os propietarios non cumpran cos seus deberes, tal e como se recolle na Lei de medidas dos orzamentos de 2026. Tamén se incrementa o número de parroquias priorizadas, nas que os titulares poden contratar os servizos de Seaga a un custe reducido, que pasan de 157 en 2025 a 276 en 2026.

 

Ao abeiro deste convenio, a Xunta continuará prestando apoio aos concellos para revisar, modificar ou elaborar os seus plans municipais de prevención de incendios, así como colaboración na realización de inspeccións e na notificación aos propietarios. Ademais, manterase a posibilidade de que Seaga execute rozas de ata 10 hectáreas por concello e ano fóra das parroquias priorizadas, así como a limpeza de ata 12 quilómetros de vías municipais.

María José Gómez, Conselleira de Medio Rural.
María José Gómez, Conselleira de Medio Rural.

 

María José Gómez asegurou que este conxunto de actuacións, xunto cunha maior concienciación cidadá, permitirá que Galicia estea mellor preparada fronte aos incendios forestais. Así mesmo, lembrou que a Consellería do Medio Rural desenvolve este sistema público de xestión da biomasa desde o ano 2018, cun balance que cualificou de “eficiente e eficaz”.

 

Desde a posta en marcha do programa, adheríronse un total de 292 concellos de toda Galicia, 268 deles co plan municipal de prevención aprobado. Desde o ano 2021 inspeccionáronse máis de 2,5 millóns de parcelas e realizáronse rozas de xeito subsidiario en máis de 6.500 predios. No ámbito das parroquias priorizadas, máis de 27.200 titulares contrataron os servizos de Seaga.

 

Finalmente, a conselleira incidiu en que a prevención de incendios forestais é unha prioridade para o Goberno galego, como demostra o orzamento previsto para 2026, que aumenta un 50 % ata acadar os 75,38 millóns de euros. Este investimento permitirá desenvolver actuacións como a limpeza e creación de cortalumes, a mellora de pistas forestais, a habilitación de puntos de auga ou a realización de queimas prescritas.

A Xunta anima aos concellos a adherirse ao novo convenio de xestión da biomasa para...