O propio xerente da área sanitaria de Ourense, Félix Rubial, defendía este venres a decisión do pediatra de ordenar a primeira hora do xoves o traslado á capital do bebé nado no paridoiro verinense, pese a estar pechado pola súa decisión dende o pasado 1 de decembro. Recoñecía en declaracións aos medios de comunicación que esa separación poido ser traumática para a nai, pero que foron os criterios médicos os que prevaleceron: "Yo defenderé siempre el criterio clínico de mis pediatras, y si ellos deciden que en un momento dado hay que trasladar a un niño, estoy seguro de que lo hacen siempre por la seguridad del bebé", aseguraba Rubial Bernárdez, facendo un aparente exercicio de empatía coa familia de Manuel, que xa se atopa na súa casa dende a tarde do sábado.
O que si non reflectiu o xerente da área sanitaria foi o que expresamente recolle o Libro de Saúde da Embarazada editado pola Xunta de Galicia e, máis concretamente, pola consellería de Sanidade á que pertence e que sinala, de xeito expreso, o seguinte:
"Inmediatamente tras o parto, os recentemente
nados sans con aspecto vigoroso deben
colocarse sobre o abdome ou o peito da nai
e mantelos así “pel con pel” sen interrupcións,
xa que os/as axudará a estabilizar as súas
constantes, a establecer o vínculo afectivo,
ao inicio da lactación e diminuirá o tempo de
pranto. Este tempo non debería ser inferior a
50 minutos, sendo desexable que se prolongue
ata os 120 minutos".
O propio pai do cativo Manuel, así como todos os profesionais que asistiron ao parto da súa muller, aseguraron que iste chegara ao mundo cunha "extraordinaria vitalidade" e que "non existían razóns de carácter sanitario que apoiasen un traslado como o que tivo lugar, aos poucos minutos de ter nacido", din. Nesa mesma liña se pronunciaron, nestes días, a Asociación Galega de Matronas ou mesmo dende a Asociación Española de Psicología Perinatal.