O Concello de Verín incorpora como importante novidade na programación do Entroido 2026 o Xantar do Capuchón, que se celebrará o sábado 7 de febreiro e que nace co obxectivo de potenciar a convivencia, a participación veciñal e o Entroido vivido durante o día, tomando como elemento central a figura tradicional do Capuchón.
O Xantar do Capuchón celebrarase ás 14:30 horas no Pavillón de Deportes, cun prezo de 28 euros, sendo gratuíto para menores de 6 anos, para os que tamén será imprescindible retirar o correspondente ticket. A venda de entradas xa está dispoñible no Pavillón de Deportes, en horario de 12:00 a 14:00 horas e de 19:00 a 21:00 horas.
O menú estará composto por empanadas variadas como entrante, sopa, lacón, androlla e chourizo con grelos e cachelos, e de sobremesa orellas e bica ou torta Cigarrón. Inclúe tamén auga, gaseosa e viño tinto e branco da D.O. Monterrei, así como pan, café (só ou con leite) e chupitos.
A concelleira de Festexos, Barreira, animou á participación activa da veciñanza e das persoas visitantes, destacando que "queremos que o Xantar do Capuchón sexa unha xornada para vivir o Entroido como se fixo sempre: na rúa, compartindo mesa, música e festa", convidando ademais a todas e todos a acudir co seu capuchón, non sendo obrigatorio, para gozar dun día de celebración popular.
Así mesmo, subliñou que esta proposta "busca recuperar e poñer en valor unha figura tradicional do noso Entroido, o Capuchón, dándolle protagonismo tamén á gastronomía, á convivencia e á participación, sinais de identidade desta tradicional festa verinesa".
O Xantar do Capuchón complétase cunha programación continuada de música e animación ao longo de toda a xornada, co obxectivo de converter o centro da vila nun espazo de encontro e celebración colectiva desde as primeiras horas do día.
O programa previsto para o sábado 7 de febreiro inclúe a sesión vermú coa Charanga Los Támega ás 12:30 horas na Praza García Barbón, o Xantar do Capuchón ás 14:30 horas no Pavillón de Deportes e, xa pola tarde, animación musical con Los Támega a partir das 17:00 horas na Rúa Irmáns Moreno e Rúa Montemaior.
