O comercio local de Verín prepárase para a chegada do Nadal coa que xa é a súa campaña máis emblemática: "Os 6000 de Verín". A iniciativa, que naceu nun convulso 2020 para reforzar a unión e o apoio á clientela, celebra este ano a súa sexta edición, repartindo un total de 6.000 euros en premios entre os consumidores máis fieis.
Participar é sinxelo e mantense a mesma dinámica doutras edicións. Dúas únicas condicións: mercar e ser maior de 18 anos. Ao facer unha compra nalgún dos máis de 100 comercios que participan na campaña serán entregadas as papeletas (cada establecemento decide o importe mínimo por papeleta). Logo, somentes hai que cubrir a papeleta cos datos persoais (nome, apelidos, DNI e teléfono) e depositala na caixa habilitada no propio establecemento.
19 premios para gastar no comercio local
O gran atractivo da campaña reside na variedade e contía dos premios, que deben ser gastados nos múltiples negocios de AEVER. Como sempre, repartiranse 19 grandes cheques de compra, incentivando así a que o diñeiro siga circulando e dinamizando os negocios da vila. A campaña estará activa desde o xoves 27 de novembro ata o luns 22 de decembro de 2025. O sorteo realizarase ante notario o 24 de decembro de 2025 pola mañá na sede de AEVER.
| Cheques | Contía | Obrigación de gasto mínimo | |
|---|---|---|---|
| 1 | 2000 € | Mínimo 10 locais (máx. 200€ en cada un) | |
| 1 | 1000 € | Mínimo 5 locais (máx. 200€ en cada un) | |
| 2 | 500 € | Mínimo 5 locais (máx. 100€ en cada un) | |
| 5 | 200 € | Mínimo 4 locais (máx. 50€ en cada un) | |
| 10 | 100 € | Mínimo 2 locais (máx. 50€ en cada un) | |
| Total | 6000 € |
|
As persoas que resulten gañadoras serán contactadas por teléfono o mesmo día do sorteo e deberán utilizar o importe dos cheques nos establecementos participantes ata o 5 de xaneiro de 2026. A campaña "Os 6000 de Verín" non só pon cartos en xogo; é un recoñecemento á importancia de escoller o comercio local como motor dinamizador da vila.
