jueves. 25.04.2024
cabalgata reis02
Os Reis Magos de Oriente visitarán a todos os nenos e nenas da bisbarra. | FOTO: Concello de Verín (Arquivo).

De seguro que xa andan nerviosos tódolos nenos e nenas da bisbarra á espera da chegada dos Reis Magos de Oriente. Nun día de tanta ilusión, este xoves, día 5, as súas Maxestades Reais e os paxes queren visitar a toda a cativada e percorrerán os concellos para que ningún peque quede sen agasallo. Serán madrugadores nos concellos de Oímbra, Vilardevós e Monterrei, onde comezarán o seu percorrido pola mañá, e apurarán os seus pasos para poder chegar a tódalas celebracións organizadas para a tarde do xoves.

Este ano, pequenos e maiores poderán volver estar cos Reis e recibir un pequeno agasallo adiantado mentras escoitan as súas peticións para a gran noite. Ademais, os paxes reais teñen organizados variados eventos en cada concello: música, xogos para a cativada, chocolatada, actuacións e a gran Cabalgata de Reis que percorrerá as rúas de Verín.

Velaí a axenda que teñen os Reis, concello a concello:

Monterrei:

  • 10h: Vences
  • 11:30h: Medeiros
  • 13h: Albarellos

En cada unha das localidades, os Reis recibirán a nenos e nenas para darlles un agasallo. Ademais, as súas Maxestades Reais visitarán a Casa do Maior e as dúas residencias de maiores do concello.

Oímbra:

Ás 11h, os Reis comezarán a súa andaina na aldea de Videferre. Ó longo da mañá, visitarán as aldeas de Espiño, Bousés, Casas dos Montes, A Granxa, As Chás, Oímbra, O Rosal, San Cibrao e rematarán o percorrido en Rabal.

Xa pola tarde, ás 17h, as súas Maxestades Reais estarán no Pavillón Municipal para ver o Belén Vivinte no que participan nenos e nenas de Oímbra e recibirán á cativada para ofrecerlles un pequeno agasallo. Despois, todos e todas poderán degustar o tradicional chocolate con churros.

Vilardevós:

  • 11:30h: saída dende a Praza do Cruceiro.
  • 12h: recepción dos Reis na Praza do Concello. Nenos e nenas recibirán un pequeno agasallo.

 

Riós:

Os Reis Magos farán unha única parada no municIpio de Riós; recibirán ás nenas e nenos na Praza do Concello a partir das 16h. para poder darlles un pequeno agasallo a todos e todas antes da gran noite.

Laza:

A cabalgata real sairá ás 17h dende a Casa das Guerras para percorrer as rúas de Laza saudando á veciñanza. Rematarán a súa visita cunha entrega de agasallos á cativada e unha chocolatada que se celebrará na Praza da Picota (no caso de malas condicións climatolóxicas será trasladada á Casa do Concello).

A Gudiña:

  • 16h: Pavillón municipal. Os Reis Magos recibirán á cativada para darlles os seus regalos. Haberá colchonetas, xogos e obradoiros de manualidades.
  • 19h: Casa da Viúva. Musical "A maxia dunha noite de Reis" organizado por Cruz Vermella A Gudiña e coa participación de nenos e nenas da Gudiña e do grupo de teatro da Cruz Vermella. A continuación, a Coral Polifónica da Gudiña interpretará unhas panxoliñas. A festa rematará cunha chocolatada organizada pola Asociación de Mulleres Ruraus "Xestas e Toxos".

 

Viana:

Día 4: os paxes reais visitarán as aldeas do municipio para convidar a todos os nenos e nenas a participar na Cabalgata dos Reis Magos do día 5. 

Día 5: Cabalgata

  • 16h: Visita á residencia de maiores.
  • 18h: Praza Maior de Viana. Reparto de lambiscadas e gran chocolatada popular.

 

cabalgata Reis
O Concello de Verín volverá ter a súa Cabalgata de Reis polas rúas. | FOTO: Concello de Verín (Arquivo).

Verín:

Volve a Gran Cabalgata dos Reis Magos ó concello de Verín. Este xoves, a partir das 18h, os nenos e nenas poderán gozar dunha espectacular comparsa composta por tres magníficas carrozas con animación musical e pasarrúas temáticos que levarán ás súas maxestades polas rúas de Verín para que todos podan velos. Ó rematar realizarán a tradicional recepción na Praza do Concello.

Melchor, Gaspar e Baltasar percorrerán as rúas do centro de Verín, partindo dende a gasolineira de Pazos e pasando pola Avenida de San Lázaro, Avenida Luís Espada, Rúa Deputación, Avenida de Cabreiroá, Rúa Constitución e Avenida de Portugal; para chegar á praza do Concello, onde terá lugar a recepción oficial e a entrega de agasallos para as nenas e nenos. 

A Mezquita:

Os Reis sairán da Praza do Concello da Mezquita ás 19h para pasear polas rúas de camiño ó Edificio Multiusos, onde recibiran ás cativas e ós cativos para a entrega de agasallos.

As súas Maxestades Reais visitarán os concellos da comarca e volve a Cabalgata de Reis...