jueves. 25.04.2024
A xornalista verinesa Esther Estévez conduce o exitoso espazo 'Dígocho eu'.
A xornalista verinesa Esther Estévez conduce o exitoso espazo 'Dígocho eu'.

A xornalista verinesa Esther Estévez e mailo programa da Televisión de Galicia, 'Dígocho eu', están de parabéns! Ambos fan a dupla perfecta, o que os levou a acadar recentemente o premio da Cultura Galega pola modalidade de Lingua, galardón co que a Xunta de Galicia premia o labor creativo e a súa expansión nos novos espazos que se abren na actualidade. "Non criamos posible nada do que nos está a pasar agora. O 'Dígocho eu' naceu como un espazo máis, non contemplabamos a idea de que fora revolucionar as redes, a televisión e, incluso, o galego", afirma Esther, emocionada.

Este pequeno espazo, coa cara visible de Estévez e un gran equipo detrás, é unha exitosa iniciativa a través da que se resolven dúbidas sobre a lingua galega de xeito sinxelo. Grazas a isto e en moi pouco tempo, conseguiu crear unha audiencia propia en galego. "Nin nós mesmos sabemos cal é o segredo. Eu sempre digo que foi como unha alineación dos astros. Do equipo, de como soubemos adaptarnos ao formato das redes, de como creamos algo sorprendente e sobre todo natural e con todo o cariño do mundo", explica. "Ademais, ver a unha tía que se lle vai a cabeza ás veces, unha rapaza nova pero que fala galego... Todo contribúe", engade.

A través destas micropezas audiovisuais e dunha linguaxe comunicativa moderna, logra conectar co público de todas as idades chegando xa aos máis de 148.000 seguidores en Tik Tok. "Sempre poño de exemplo esta rede que está repleta de rapazada. Axúdanos a ver a realidade, a verdadeira relación da xuventude coa nosa lingua e descubrimos cada día que aínda que non o falen, teñen interese no galego", explica.

Dende a súa posta en marcha, a difusión do espazo a través da TVG e das redes sociais, contribúe a unha mellora do uso oral e escrito da nosa lingua evitando, por exemplo, castelanismos e outros erros comúns. "Ás veces a xente cre que son un dicionario con patas (rí), pero sigo aprendendo cada día e son a primeira sorprendida con algúns termos"incide.

Estévez, de 23 anos, non escondía a súa alegría e o seu agradecemento por este galardón a través das súas redes sociais. "Alucinando! Grazas, grazas, grazas", escribía, emocionada, no seu perfil de Twitter. Tampouco nesta entrevista, días despois do recoñecemento. "Estamos moi impactados, moi contentos, sempre digo que non deixan de pasar cousas bonitas dende que comezamos o proxecto. Non para de traernos cousas boas e iso contribúe a que teñamos máis ganas de seguir. De todos os xeitos, sen querer restarlle importancia a un premio dese nivel, o máis importante para nós é recibir o cariño do público todos os días".

 

E, ante a posibilidade de conseguir falar un galego perfecto, Esther responde. "Posible é, pero sinxelo non. Ao final todos temos a nosa variedade dialectal, e para nada queremos que se elimine, eu mesma manteño a miña e estou tremendamente orgullosa. A influencia do castelán tamén inflúe, fai dano, pero con traballo pódese conseguir. Quizais non ao 100% pero si ao 80%", conclúe.

NOTICIAS VERÍN | A verinesa Esther Estévez, premio da Cultura Galega con 'Dígocho eu':...