martes. 15.10.2024
Juan Carlos Francisco, parlamentario verinense na Cámara galega polo PSdeG.
Juan Carlos Francisco, parlamentario verinense na Cámara galega polo PSdeG.

O deputado do PSdeG pola provincia de Ourense Juan Carlos Francisco Rivera decidiu presentar a renuncia ao seu escano no Parlamento de Galicia, que fará efectiva o vindeiro luns. A decisión do deputado xa tería sido comunicada ao portavoz parlamentario do grupo, Luís Álvarez, quen trasladou a noticia á dirección do partido este sábado na reunión da Executiva Nacional celebrada en Santiago.



A intención de Juan Carlos Francisco é abandonar a Cámara autonómica de maneira inminente e non participar na sesión plenaria que terá lugar a próxima semana no Pazo do Hórreo. Electo no número dous da lista por Ourense nas autonómicas de xullo de 2020, o avogado ourensán porá así fin á súa segunda etapa no Parlamento galego, onde se estreou como deputado na VIII Lexislatura. A súa traxectoria política tamén o levou ao Senado, onde foi electo en dúas ocasións logo de encabezar a candidatura dos socialistas ourensáns nas xerais de abril de 2019 e a súa repetición en novembro do mesmo ano.
A marcha de Juan Carlos Francisco foi recibida con "sorpresa" na dirección do PSdeG, que desexan sorte ao ourensán na súa nova etapa fóra do Lexislativo autonómico. Segundo as fontes consultadas, os motivos esgrimidos polo aínda deputado para xustificar a súa marcha son "estritamente persoais". 

Leal a Gonzalo Caballero


Juan Carlos Francisco Rivera estaba aliñado co sector do exsecretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, quen abandonou a portavocía parlamentaria após a derrota nas primarias aínda que se mantén como deputado. Até febreiro deste mesmo ocupou a Secretaría de Organización do PSOE ourensán como número dous do secretario provincial, Rafa Villarino. Anunciou a súa saída do cargo días antes das primarias nas que Villarino renovou o seu liderado nun proceso marcado polas acusacións de militantes ourensáns afíns ao secretario provincial cara á dirección galega -que apoiaba ao outro candidato, Alfredo García- de supostas irregularidades cometidas co censo para as votacións.

A saída de Francisco Rivera da Cámara fará correr a lista dos socialistas ao número catro, no que figura o exedil do Barco Eduardo Ojea, tamén aliñado co exsecretario xeral Gonzalo Caballero.

O exsecretario dos socialistas galegos dixo este sábado de Francisco Rivera que "vaise un gran socialista, con criterio sólido e compromiso público. Dos que están en política por servir e non para servirse, dos que cren nun PSdeG forte e ético. Galicia e Ourense saen perdendo", apuntou nas súas redes sociais Gonzalo Caballero. 

O verinense Juan Carlos Francisco renuncia á súa acta de deputado no Parlamento