domingo. 19.07.2026
Investimento municipal reforza instalacións deportivas

Verín, sede das finais de Copa Deputación en maio e xuño

Presentación oficial das finais da Copa Deputación no Campo Municipal de A Granxa.
Presentación oficial das finais da Copa Deputación no Campo Municipal de A Granxa.

O municipio de Verín será a sede das finais da Copa Deputación Ourense 2026 de fútbol base, que se disputarán nos meses de maio e xuño no renovado Campo Municipal de A Granxa. A presentación oficial desta cita deportiva celebrouse nas propias instalacións, chamadas a recibir aos mellores equipos da provincia nas categorías de fútbol 11 e fútbol 8.

No acto participaron Diego Lourenzo, tenente alcalde de Verín; José María Lago, deputado provincial; Raúl Rois, delegado da Real Federación Galega de Fútbol en Ourense; e Daniel Aguirre, presidente do EDC Verín.

As finais celebraranse os días 31 de maio de 2026 e 23 de xuño de 2026, en dúas xornadas nas que a vila se converterá no centro do fútbol base ourensán.

Segundo se destacou durante a presentación, a elección de Verín como sede responde a unha dobre razón. Por unha banda, a vontade de apoiar á comarca tras a situación vivida polos incendios. Por outra, a dispoñibilidade dun espazo deportivo totalmente renovado, cunha superficie de última xeración preparada para ofrecer as mellores condicións á práctica deportiva.

O Concello destinou máis de 171.000 euros de investimento municipal para modernizar as instalacións e mellorar a súa funcionalidade. Esta actuación permite reforzar a capacidade de Verín para acoller competicións de relevancia provincial.

A celebración destas finais supón ademais unha oportunidade para seguir impulsando o deporte base e consolidar a localidade como referencia na organización de grandes eventos deportivos.

Verín, sede das finais de Copa Deputación en maio e xuño