
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, vén de asinar a orde do 2 de outubro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Verín, na que se fixan, por outro periodo mínimo de sete días, as mesmas restriccións xa consideradas e aplicadas dende as 00:00 horas do pasado 19 de setembro.
Baséase a Consellería de Sanidade en varios indicadores tanto do municipio de Verín como da súa comarca. Para a Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta de Galicia, un dos condicionantes que levou aos seus responsables a manter as medidas foi a taxa de contaxios dos últimos tres días -véxase a gráfica da evolución dos casos activos nos últimos sete días elaborada polo Concello de Verín- e tamén a porcentaxe de PCR positivas de contactos estreitos dun caso diagnosticado de COVID - 19.
No mesmo informe da Dirección Xeral de Saúde Pública sobre a comarca de Verín, do 2 de outubro de 2020, tamén se destaca que o valor da taxa acumulada a 14 días para o total da comarca foi 2,15 veces o valor acadado para o conxunto de Galicia, é dicir, que se duplica a taxa acumulada de contaxios que de media se rexistrou nos últimos 14 días en todo o conxunto da comunidade autónoma.
Ademais, dentro da comarca ten unha significación especial Verín, polo seu número de casos, a taxa a 14 días e cun número de casos hospitalizados alto, co risco engadido de ser unha poboación moi envellecida. Este abrocho segue a ter algunha característica de alto risco, como son a taxa de incidencia nos últimos 3 días e a porcentaxe de PCR positivas entre os contactos estreitos dun caso confirmado. Ademais, amosa algún indicador en niveis de risco medio, como son a porcentaxe de probas PCR positivas.
Po todo o anterior, isto é, a taxa observada no concello de Verín, o número de ingresados e as características do abrocho, xunto coa circunstancia de ter unha poboación moi envellecida, "atendido o disposto no informe emitido pola Dirección Xeral de Saúde Pública, do 2 de outubro de 2020, e logo de escoitar as recomendacións do Subcomité Clínico reunido para estes efectos, a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria no concello de Verín impón, como consecuencia, o mantemento das medidas de prevención nos termos previstos na Orde do 18 de setembro de 2020", recolle a orde asinada polo conselleiro García Comesaña.