sábado. 27.04.2024
Diego Lourenzo e Alexandre Sotelino, na presentación das xornadas de Democratización. | FOTO: Carlos Montero.
Diego Lourenzo e Alexandre Sotelino, na presentación das xornadas de Democratización. | FOTO: Carlos Montero.

O Concello de Verín acollerá os próximos días 25, 26 de 27 de marzo o IV Ciclo do Programa Universitario de Maiores da Universidade de Santiago de Compostela, que leva por título "Camiños de coñecemento e experiencia. Proxecto de democratización do coñecemento", grazas a un acordo de colaboración entre a USC e este ente municipal. Esta iniciativa está dirixida a persoas de máis de 50 anos, non terá custe algún e poderán asistir un máximo de 18 persoas previa inscrición. 

O programa distribúese ao longo de tres xornadas nas que se inclúen seminarios sobre temáticas diversas, e sesións prácticas, que serán impartidas por docentes da USC; entre as materias que se abordarán neste ciclo figuran o Dereito e a Criminoloxía, a Educación, a Historia e o Patrimonio. As clases  impartiranse no Salón de Actos da Casa da Cultura de Verín (Rúa Irmáns la Salle).

A presentación oficial do programa, que tivo lugar esta mañá na Casa da Cultura de Verín, contou coa presenza de Diego Lourenzo Moura, tenente de alcalde de Verín, e de Alexandre Sotelino Losada, doutor en Ciencias da Educación, profesor do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da USC e membro do equipo organizador das xornadas.

Na súa intervención, Diego Lourenzo Moura recordou que para a celebración deste evento elaborouse un estrito plan para garantir a protección das persoas participantes de potenciais contaxios de Covid-19 e destacou a importancia que teñen este tipo de iniciativas para achegar os coñecementos académicos máis actualizados ao ámbito local: "Desde o Concello de Verín entendemos que democratizar o coñecemento, e facer que todas as persoas interesadas polo saber poidan acceder ao mesmo sen restricións, é esencial para a creación de conciencia democrática e ademais tamén para o exercicio dos dereitos das persoas e dos pobos".

Verín é o primeiro concello da provincia de Ourense que acolle un programa destas características (Diego Lourenzo Moura, tenente de alcalde de Verín)

Foi Lourenzo Moura quen se felicitou porque "Verín é o primeiro concello da provincia de Ourense que acolle un programa destas características logo de que comezara hai xa seis años e que dende hai tres cursos percorre xa o conxunto do país". 

Pola súa banda, Alexandre Sotelino explicou que o principal obxectivo deste programa e sacar dos campus os diferentes avances en diferentes ámbitos de investigación para levalos ás persoas que se mostren interesadas en adquirir estes coñecementos. "Todas as universidades teñen tres funcións: a primeira é investigar; a segunda, a docente, e a terceira é a transferencia. De nada nos sirve investigar se ese coñecemento non vai en prol da sociedade. O programa de democratización do coñecemento trata diso, de sacar dos Campus das universidades os avances nas diferentes áreas de investigación para levalos ás persoas para as que lles poida ter interés ou certa repercusión", afirmou Sotelino antes de presentar as xornadas e a súa distribución. 

Posibilidades de inscrición

Todas aquelas persoas -maiores de 50 anos- interesadas en inscribirse neste programa poden facelo, de maneira gratuíta, a través das seguintes vías:

Inscrición telefónica:

Os horarios (de luns a venres) nos que poden chamar e os números aos que terán que chamar (pedindo que os poñan con Cultura) son os seguintes:

Desde ás 7:45 ás 13:30 h e das 14:30 ás 15 h, 988 410 000, 988 410 001 ou 988 410 334.

Inscrición presencial:

Luns a Venres. Casa do Concello de Verín, Negociado de Cultura (1º andar).

Desde ás 7:45 ás 13:30 h e das 14:30 ás 15 h.

PROGRAMA COMPLETO
 
25/03/2021
11:00 - 12:30 horas
Seminario: Introdución á Criminoloxía e Política Criminal
16:30 - 18:00 horas
Actividades interactivas de resolución de casos prácticos e análise de “pegadas dactilares
Dna. Ana Moure Soengas. Graduada en Ciencias Políticas e Criminoloxía. Docente do Programa Universitario de Maiores, IV Ciclo da USC
 
26/03/2021
11:00 - 12:30 horas
Seminario: “Das mouras ás mámoas, das mámoas ás pedras sacras, das pedras sacras a troques douro... Do inmaterial ao material do patrimonio cultural de Verín”
16:30 - 18:00 horas
Visita ao Museo Claustro Mercenario
Dna. Carolina Casal Chico. Dra. en Arte Medieval. Docente do Programa Universitario de Maiores, IV Ciclo da USC
 
27/03/2021
11:00 - 12:30 horas
Seminario: Cultura, folclore e educación: Construíndo a Identidade Persoal desde a Tradición
D. Alexandre Sotelino Losada. Dr. en Ciencias da Educación. Docente do Departamento de Pedagoxía e Didáctica e no Programa Universitario de maiores, IV Ciclo da USC
16:30 - 18:00 horas
Obradoiro A Cociña Musical: O uso dos recursos cotiás na creación artística. Dna. Sandra González Sousa. Monitora e Dinamizadora Cultural.
Dna. Cristina Calle Rodríguez. Monitora e Dinamizadora Cultural.

Verín, primeiro concello ourensán que acolle un ciclo universitario para maiores da USC