A Área de Feiras do Concello de Verín concluíu o balance da última Feira de Nadal cun resultado moi positivo, avalado polas enquisas de satisfacción realizadas aos propios comerciantes. A valoración global da organización ascende a un 7,84 (notable alto), unha cifra que reflicte a boa acollida do novo formato e a estabilidade do evento.
Entre os aspectos máis destacados polos participantes figuran a calidade e estética dos stands, que rozan a perfección cunha nota de 9,30, e o horario de apertura, puntuado cun 9. Tamén recibiron unha excelente cualificación a ubicación na Praza Maior (8,69) e o servizo de limpeza (8,53). A enquisa complétase coas valoracións da organización xeral (7,02), a música (6,92), as actividades complementarias (6,53) e o volume de vendas, que obtén un 6,76.
A satisfacción xeral tradúcese nunha alta taxa de fidelidade: o 80% dos expositores (21 persoas) confirmaron a súa intención de volver na edición de 2026. Ademais, o éxito desta cita serviu de impulso para a próxima Feira do Lázaro 2026, para a cal o 88% dos enquisados (23 participantes) xa amosaron o seu interese en asistir.
O concelleiro de Transporte, Feiras e Hostalaría, Manuel Lourenzo, subliñou que estes datos confirman unha tendencia de mellora, destacando que a "fidelización é clave para consolidar o evento como referente comercial e social". Por último, o cadro de honra desta edición complétase co premio ao mellor stand natalicio para a firma Magari Clay (Ariadna Uria Rodríguez) e coa entrega da cesta de produtos típicos do Nadal á gañadora do sorteo, Sonia Morillo Sánchez.
