Luns. 30.01.2023
O primeiro festival de monicreques terá lugar na Alameda de Verín.
O primeiro festival de monicreques terá lugar na Alameda de Verín.

Os próximos 16 e 17 de xullo, Verín acollerá no parque da Alameda o que será o seu primeiro gran festival de Monicreques: "Festiverín". Un evento cultural destinado ao público infantil e familiar que inclúe unha oferta de espectáculos de primeiro nivel que, sen dúbida, farán as delicias de todos os asistentes.

Segundo confirmou esta mañá a concelleira de Educación Cultura e Festexos, Emilia Somoza, "os monicreques chegarán á vila do Támega da man de seis compañías con traxectoria distinguida no mundo dos títeres que ofrecerán dous días cheos de maxia e farán rir a esgalla cos seus espectáculos, dirixidos a nenos e non tan nenos".

Sábado 16 de xullo

A compañía compostelá Os Monicreques de Kukas, que celebra o seu 40 aniversario e que conta con premios como o Premio da Cultura Galega ás Artes Escénicas (2019), chega a Alameda, ás 20:30 horas, con "Xan Perillán e a maleta máxica" creada por Marcelino de Santiago (Kukas) e dirixida por Isabel Rey Pousada, fundadores da compañía. Unha peza multipdisciplinar que combina clown e pantomima coa maxia e manipulación de monicreques. Xan Perillán é un home con sorte, tocoulle nunha rifa unha viaxe a Pernambuco… Pero onde queda Pernambuco? No hemisferio norte ou no sur?... Cun pouco de maxia e a axuda dos rapaces seguro que o descubrirá.

Desde Teo, ás 21:15 horas, contaremos coa compañía Títeres Cachirulo, creada en 1985, para facernos gozar coa función "A cabeza do dragón", unha adaptación para monicreques da obra de D. Ramón María del Valle-Inclán. O Príncipe Verdemar é desterrado do seu fogar e, coa axuda dun trasgo falcatrueiro, terá que loitar contra bandoleiros e mesmo contra o terrible dragón que ten apresada a filla do Rey Micomicón para poder retornar triunfante a casa.

Por último, ás 22:00 horas, a función "Ikú e Elegguá" tamén formará parte deste catel da man de Títeres Cascanueces. Lázaro Duyos Jordán como director, actor e manipulador dará vida a unha obra na que Ikú, a morte na tradición yorubá, persegue a Elegguá, deus neno que representa a alegría de vivir, as bromas e as travesuras. Elegguá, dono dos camiños e das encrucilladas, mudando as sinais dos camiños e con doces e larpeiradas, consegue derrotar a mesmísima morte.

Domingo 17 de xullo

Desde Pol, Lugo, chega -ás 20:30 horas- a compañía Trécola Producións con "Gaela quer ser druída", unha obra épica e divertida na que o seu protagonista convive con seres e crenzas da mitoloxía celta, cunha temática en prol da igualdade e contra as violencias de xénero, que tamén habitan na tradicional negación dos dereitos da muller.

Tamén, ás 21:15 horas, actuarán no festival os compañeiros de Títeres Alakrán con "Barriga Verde ataca de novo". Espectáculo de títere de cachaporra tradicional, inspirado nas rutinas que facía Xosé Silvent, na súa famosa barraca a principios do século XX. Barriga Verde é o títere popular de Galiza, representando co seu humor a idiosincrasia galega. Títeres Alakrán recupera a súa figura adaptándoa ao mundo contemporáneo para que a nosa tradición siga viva e non morra, cun único manipulador que emprega a palleta outorgándolle aos bonecos a súa característica voz.

Para finalizar a xornada, narradora e titiriteira Larraitz Urruzola presentaranos, ás 22:00 horas, "A viaxe de Rosalía". Un espectáculo de monicreques unipersoal sobre Rosalía de Castro onde a artista acompañada con maletas cargadas de monicreques, teas, zapatos e libros, nos dará a coñecer parte da obra Rosaliana e algúns dos momentos da vida desta insigne figura galega. Francisca do Campo leva século e medio contando a todo o mundo a historia da súa querida afillada Rosalía de Castro. Ela foi quen axudou a criala e quen compartiu as vivencias máis cotiás e entrañables. Cargada de maletas con teas, zapatos e moitas cousas queridas para ela comparte con nós a traxectoria vital e artística dun símbolo irrenunciable para a cultura galega.

Verín organiza o seu primeiro gran festival de monicreques: Festiverín
comentarios