O Entroido verinés baixou o pano cun xantar popular multitudinario no que a música, a convivencia e o espírito festivo volveron ser protagonistas. Durante a celebración tivo lugar a entrega dos tradicionais Galardóns do Entroido 2026, cos que o Concello distingue a persoas que, coa súa dedicación e entrega, contribúen a preservar a esencia dunha das celebracións máis emblemáticas de Galicia.
O acto reuniu a membros da corporación municipal e a representantes do mundo do Entroido. A concelleira de Festexos, Cultura e Turismo, Samanta Barreira, foi a encargada de dar a coñecer os nomes das persoas premiadas nesta edición, poñendo en valor a súa traxectoria e compromiso coa festa.
Premio Fidelidade: Alejandra Vázquez
Nada en Vilalba, chegou a Verín no ano 2010 para exercer como profesora de música. Foi entón cando comezou a súa vinculación co Entroido, unha relación que se mantén viva malia que na actualidade xa non reside na vila. Desde a súa primeira participación nas Comadres non faltou á cita, colaborando tamén nos desfiles e na elaboración dos disfraces. Unha paixón que hoxe comparte co seu fillo pequeno, garantindo a continuidade dunha tradición que xa forma parte da súa identidade persoal.
Premio Pescadilla: Carlos Salgado
O galardón recoñece o seu traballo constante e altruísta na confección do meco e dos carros do Xoves de Compadres e do Venres de Compadreo. Grazas á súa dedicación artesanal, a sátira e a retranca seguen presentes cada ano nas rúas de Verín. Un premio merecido para quen leva anos “tirando do carro”, tanto no sentido literal como simbólico.
Cigarrón de Honra: José Manuel Ferreira
Catro décadas consecutivas vestindo o traxe de cigarrón avalan a traxectoria de José Manuel Ferreira, exemplo de compromiso coa figura máis representativa do Entroido verinés. Ademais da súa participación activa, desenvolveu un importante labor de conservación e divulgación dos valores ligados ao traxe. A súa paixón foi transmitida ao seu fillo e, este ano, tamén á súa neta, que o vestiu por primeira vez, consolidando así a terceira xeración dunha familia que asegura o relevo da tradición.
Os premios foron entregados polo tenente de alcalde, Diego Lourenzo; polos concelleiros Manuel Lorenzo e Samanta Barreira; e por Luisina, viúva do “Pescadilla”.
A cerimonia puxo o punto e final a varias semanas de intensa programación, reafirmando que o Entroido de Verín transcende o festivo para converterse en identidade, memoria compartida e compromiso entre xeracións.
