
Medio millar de verinenses, e de aldeas da contorna, estaban citados esta mañá en dous puntos concretos da vila: a súa estación de autobuses e as inmediacións da casa do Concello. Dende a primeira, partían cara as 9:25 horas deste domingo cinco autobuses da compañía verinense Socitransa cheos de xente con ganas de berrar que non só #VerínNonSePecha senón tamén pola defensa dunha sanidade pública e de calidade para todos, urbanitas e residentes no rural.
Dende A Mezquita tamén saían dous omnibuses fletados pola empresa local M. Pérez. Un deles faría escala en Verín, na rúa Constitución, para recoller aos simpatizantes e afiliados do sindicato nacionalista CIG.
Todos van xa arestora camiño da capital compostelana, onde ás 12:00 horas está convocada a que se prevé sexa unha das manifestacións máis concurridas e críticas coa política sanitaria do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e do seu golfiño ao frente da consellería de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña.
O ambiente que se está a vivir dentro dos autobuses é de auténtica festa e compromiso. As case dúas horas que terán de viaxe están sendo aproveitadas para mellorar a entonación dalgúns dos cánticos que se oirán polas rúas de Compostela cando saia a marcha dende a praza da Alameda santiaguesa.
Vídeo enviado por María José Rodríguez, dende o interior dun dos autobuses.
Chamamento a todos os profesionais sanitarios
A Plataforma SOS Sanidade Pública chamou estes días atrás aos traballadores sanitarios, así como á poboación en xeral, a manifestarse hoxe, 9 de febreiro, en Santiago de Compostela "en defensa da sanidade pública galega". Os convocantes, que esperan unha "gran participación", apelan a secundar a protesta para "dicirlle ao PP como está de verdade a sanidade real".
A mobilización está convocada ás 12,00 horas desde a Alameda compostelá e, após percorrer varias rúas da capital galega, está previsto que conclúa na Praza da Quintana.
A situación sanitaria en Galicia atópase nun momento crítico consecuencia das políticas de recortes, desmantelamento e privatización do sistema sanitario público galego (SOS Sanidade Pública)
A plataforma convocante apela a manifestarse porque a "situación sanitaria en Galicia atópase nun momento crítico" como, engade, "consecuencia das políticas de recortes, desmantelamento e privatización do sistema sanitario público galego".
Entre outros aspectos, chaman a saír á rúa a protestar pola "supresión das áreas sanitarias" e a "ocultación e maquillaxe das listas de espera", así como pola "deterioración dos dereitos laborais do persoal sanitario".
"A única esperanza para o sistema é unha gran alianza social e sanitaria en defensa da sanidade pública, universal, gratuíta, equitativa, accesible e de calidade", conclúe SOS Sanidade Pública.