domingo. 19.07.2026
Participación aberta ás agrupacións

Verín abre o prazo de inscrición para carrozas e comparsas do Entroido

Carrozas e comparsas volverán encher de cor as rúas de Verín.
Carrozas e comparsas volverán encher de cor as rúas de Verín.

Concello de Verín abre o prazo de inscrición para as carrozas e comparsas que desexen participar no desfile do Entroido deste ano. A data límite para formalizar a participación será o venres 6 de febreiro, ás 18:00 horas. A orde de colocación no desfile será determinada pola organización. As comparsas ou carrozas que non se inscriban dentro do prazo establecido e se presenten directamente no desfile serán colocadas ao final do mesmo.

 

As persoas interesadas poderán formalizar a inscrición na Oficina de Información Turística de Verín, a través do correo electrónico turismo@verin.gal, enviando os seguintes datos: nome e apelidos da persoa representante do grupo, número de teléfono, nome da carroza ou comparsa, número de participantes, se levan vehículo ou plataforma móbil (indicando medidas) e se levan música. Tamén se poderá realizar a inscrición chamando ao teléfono 988 411 614. O horario da Oficina de Turismo é de luns a venres, de 10:30 a 14:30 horas e de 16:00 a 18:30 horas.

 

Os desfiles iniciaranse na Avenida de Castela o domingo 15 de febreiro, ás 12:00 horas, e o martes 17 de febreiro, ás 16:30 horas. As comparsas e carrozas deberán estar, como mínimo, 30 minutos antes da saída, coa concentración situada na Avenida de Castela, á altura da rúa San Félix. As carrozas que desexen abandonar o percorrido antes de chegar á Praza da Alameda só poderán facelo pola ponte da N-525, ata a rotonda da Casa do Escudo, permanecendo no carril dereito e agardando a que remate o desfile.

 

Durante a espera será obrigatorio deixar sempre un carril libre para os vehículos de emerxencia. Recoméndase evitar paradas prolongadas e manter a distancia co grupo que vaia diante. Os vehículos sen seguro non estarán cubertos polo seguro municipal, polo que se recomenda contratar un propio. Ademais, os vehículos modificados ou que tiren dun remolque adaptado deberán levar un extintor.

Verín abre o prazo de inscrición para carrozas e comparsas do Entroido