Venres. 29.03.2024
2019 Obradoiro Cigrrón b
Últimos retoques da máscara de Cigarrón no obradoiro organizado polo Concello de Verín.

Como cada ano dende 1997, o Concello de Verín organiza o Obradoiro do Cigarrón. Acábase de abrir o prazo de inscrición para participar nista actividade que ten como obxectivo prioritario transmitirlle ós participantes o respecto polas formas tradicionais do traxe típico do Entroido verinés. As clases comezarán no vindeiro mes de novembro, polo que o prazo de inscrición no obradoiro rematará o 30 de outubro.

Con esta iniciativa, o Concello de Verín pretende que a máscara máis antiga e con máis significado patrimonial do Entroido se manteña dentro duns canons tradicionais. É por elo que, no Obradoiro ensinarase a facer todos os elementos do Cigarrón, a excepción do pintado da careta e dos compoñentes de produción industrial.

Co fin de manter a tradición e maila consonancia no vestir, no obradoiro farase fincapé en todos os elementos á hora de vestir o traxe; transmitíndolles ós participantes o calzado máis axeitado e que harmoniza co traxe, o tipo de chocallos e cantos se deben levar ou como vestir a máscara e utilizala en público.

2019 Obradoiro Cigrrón c

O obradoiro divídise en dúas actividades formativas: aprender a facer a máscara e aprender a facer o traxe. Dende novembro, as tardes dos luns e dos martes quedarán reservadas na Casa da Xuventude para o Obradoiro do Cigarrón. Os luns, en horario de 16h a 19:30h será a quenda para aquelas persoas que somentes queran facer a careta do Cigarrón; os martes, no mesmo horario, para aquelas que queran confeccionar só o traxe. No suposto de haber demanda para crear dous grupos, o segundo grupo tería as actividades de traxe os mércores e as de careta os xoves.

Será necesario que cada participante leve os materiais e instrumentos necesarios para a realización do traxe de Cigarrón. Ademais, para a confección do traxe é necesario ter coñecementos de calceta, ganchillo e utilización da máquina de coser.

Aberto o prazo para o Obradoiro do Cigarrón