A Deputación de Ourense, a través do Inorde, presenta a súa participación na campaña dos Trens Turísticos de Galicia 2026, un programa que na súa XIII edición suma un total de 13 rutas e 33 saídas entre os meses de marzo e outubro en toda Galicia. O acto de presentación celebrouse este 5 de xuño na estación de tren de Ourense e contou coa presenza do presidente do Inorde, Rosendo Fernández; o director de Trens Turísticos de Renfe, Gonzalo Pastor Barahona; e o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles.
A provincia de Ourense mantén un papel destacado dentro do programa, con cinco das trece rutas e catorce das trinta e tres saídas previstas para toda Galicia. O Inorde xestiona directamente catro das cinco rutas ourensás: Ribeira Sacra-Valdeorras, Monterrei, Ribeiro e Ribeira Sacra. A ruta de Monterrei reforza ademais a súa presenza cunha saída máis respecto á edición anterior.
Rosendo Fernández cualificou a iniciativa como "un dos mellores exemplos da colaboración institucional para crear produtos turísticos de calidade, sostibles e capaces de xerar actividade económica no territorio durante boa parte do ano" e destacou que se trata do "produto turístico máis exitoso e demandado de toda a provincia".
As rutas permitirán descubrir algúns dos principais recursos patrimoniais, culturais e enogastronómicos da provincia, dende os viños das D.O. Ribeiro, Monterrei, Valdeorras e Ribeira Sacra ata espazos singulares como o Mosteiro de San Pedro de Rocas, o Santuario das Ermidas, o Castro de San Cibrao de Las ou o Castelo de Monterrei. O programa incorpora ademais recursos promovidos polo propio Inorde, como os Museos das Estacións de Tren, o Aula-Museo do Ferrocarril dos Peares ou o Museo do Traxe Tradicional Galego de Santa Cruz de Arrabaldo, xunto a visitas teatralizadas e percorridos en catamarán.
Desde a Deputación subliñan que os Trens Turísticos constitúen unha ferramenta estratéxica para prolongar a tempada turística, atraer visitantes fóra dos períodos de maior afluencia e proxectar a imaxe de Ourense como destino vinculado á natureza, ao patrimonio e ao enoturismo.
