jueves. 11.06.2026
Cinco locais de Verín competirán polo mellor Pincho Irmandiño cunha viaxe gastronómica á Galicia medieval

A Revolta Irmandiña suma historia e gastronomía nunha nova edición da súa ruta de pinchos | NOTICIAS VERÍN

A gastronomía volverá ocupar un lugar destacado na programación da Revolta Irmandiña coa celebración dunha nova edición do Pincho Irmandiño, unha iniciativa que convida a veciñanza e visitantes a descubrir os sabores da Galicia medieval a través de propostas elaboradas exclusivamente con ingredientes coñecidos antes do descubrimento de América.

Do 11 ao 13 de xuño, os establecementos Gandainas, Enredo, San Roque, O Ferro e Brasil participarán nesta singular ruta gastronómica, asumindo o reto de reinterpretar a cociña dos nosos devanceiros e demostrar que tradición e creatividade poden convivir nun mesmo prato.

Entre as elaboracións participantes atópase a “Filloa Rechea” do restaurante Brasil, unha proposta que combina grelos, bacallau, gambas e bacon envoltos nunha delicada masa de fariña, leite e ovos. Pola súa banda, a tapería Gandainas presenta a “Tosta Rústica de Solombo e Horta”, con medallón de solombo, verduras frescas e produtos da horta sobre unha base de pan.

O establecemento Enredo aposta por “Enredado”, unha creación elaborada con cabeza de lombo de porco, verduras, mel, loureiro, queixo e pan artesanal. Desde o restaurante San Roque chega a “Tosta Irmandiña”, que combina queixo de cabra, carne de porco ceibe e cebola caramelizada con mel. Completa a ruta “A Derruba”, do restaurante O Ferro, unha proposta inspirada nos contrastes de sabores propios da cociña medieval e elaborada con fariña, azucre, ovos, carne de porco e abelás.

Todos os pinchos poderán degustarse ao prezo de 2,50 euros nos horarios habituais dos establecementos participantes. Ademais, o público terá a oportunidade de votar pola súa creación favorita e contribuír á elección do mellor Pincho Irmandiño 2026.

A organización destaca a implicación dos locais participantes, que contribúen a enriquecer a programación da Revolta Irmandiña cunha actividade que vai máis alá da gastronomía, converténdose nunha experiencia que permite achegarse á historia a través dos sabores.

O Pincho Irmandiño consolídase así como unha das propostas complementarias máis atractivas da festa, unindo patrimonio, hostalería e dinamización local nun percorrido gastronómico que revive os sabores da Galicia de hai máis de cinco séculos.

A Revolta Irmandiña suma historia e gastronomía nunha nova edición da súa ruta de...