sábado. 20.04.2024
hector
O director verinés Héctor Domínguez-Viguera, dende o seu domicilio en Madrid.

Nin o feito de levar máis de media vida fóra de Galicia fai que se oculte ese tan característico acento na súa voz. "Non falo galego pero enténdoo perfectamente. Algún día atrevereime e intentareino", comeza dicindo, entre risas. Aos seus 37 anos, o director de cine Héctor Domínguez-Viguera declárase abertamente verinés. Nacido en Ourense, atravesou as fronteiras galegas cun lustro de vida e asentou as súas curtas raíces na cidade de Palencia. O seu pai, natural de Verín e a súa nai, das Vendas da Barreira, nunca deixaron que esquecera o seu verdadeiro fogar. "Verín é e sempre será a miña casa. Síntome profundamente galego e o vínculo sempre foi moi forte", engade. "Pasei veráns, vacacións de Nadal enteiros. Non teño máis que bos recordos sobre todo gracias aos meus avós".

Verín sempre será o meu verdadeiro fogar (Héctor Domínguez-Viguera)

Vivencias, hai moitos anos atrás, que influíron na persoa que hoxe en día é. Un talentoso director de cine, encargado de inaugurar a vindeira FIC Vía XIV de Verín. O seu amor pola séptima arte, segundo el mesmo recoñece, é a suma de pequenos momentos. "Das historias de meu pai. Sempre recordo a historia dun cabalo puro sangue que se chamaba Furia. Sabes quen ía ao lombo dese cabalo? Sempre ía eu. Iso era algo fascinante para min". Un punto de inflexión na súa vida tamén foi a película Pulp Fiction. "Marcoume especialmente ese filme porque era tremendamente diferente ao que eu vira ata entón. Namoroume ese tipo de cine", engade. 

O meu amor polo cine é a suma de pequenas vivencias. Aínda que de forma discreta, sutil, o destino vai tecendo para cada un un camiño e o meu era o do cine. É algo así como unha droga que crea unha enorme adicción (Héctor Domínguez-Viguera)

El mesmo recoñece que o azar foi o responsable de que, aos 17 anos, acudira a unha pequena escola de cine onde tivo os seus primeiros contactos coa dirección. "Estaba moi perdido, moi bloqueado, moi lonxe de min mesmo e de verme como un verdadeiro cineasta. Non obstante, iso foi espertando algo no meu interior que fixo que aos 21 anos, comezara os meus estudos de cine en Madrid". Pode que esa incertidume, de forma pouco evidente, comezara a tecer o seu futuro dentro da gran pantalla, onde xa tivo contacto con rostros moi coñecidos para os espectadores. "Traballar con Aitana Sánchez-Gijón foi un regalo. É encantadora e xenerosa, entendémonos moi ben desde o primeiro momento", conta. A actriz foi a protagonista de El pozo, unha curta rodada na provincia de Ourense que afonda nun mundo máis onírico, surrealista, espiritual. O tipo de cine co que máis se identifica o director. "Foi o meu reencontro con Galicia de maneira emocional como cineasta", engade.

'Tierra de leche y miel'

Agora, segue asentado en Madrid dende onde proxecta o seu novo traballo cara ao mundo. Tierra de leche y miel é a súa primeira longametraxe, un documental moi creativo no que "a cámara é invisible e retrátase aos protagonistas coas súas propias conversacións". Este traballo fixo que Héctor, e os outros dous directores do filme, Carlos Mora e Gonzalo Recio, emprenderan un camiño ao longo do tempo e do mundo. Unha viaxe na que "buscamos a película no propio camiño. Para atopar o que queriamos contar tivemos que perdernos. E atopámolo nas historias da xente que tivemos a sorte de coñecer no percorrido", asegura o director. 

hectorCartel promocional da película 'Tierra de leche y miel', do director verinés.

Un documental baseado nos desprazamentos humanos pola guerra e que se centra en tres países: Bosnia, Xeorxia e Grecia. "Mesturamos as historias e creamos unha especie de cidade imaxinaria. Vimos puntos de conexión en tódalas historias. Primeiro, que vivían en lugares que non lles pertencían, case en terra de ninguén. E, segundo, que toda esta experiencia traumática non ocultaba a esperanza irreductible de nacer de novo e construír un futuro". Outra forma de buscar a felicidade e unha mostra da gran resistencia do ser humano.

O vindeiro mes de setembro vaise preestrear no Festival de Curtas de Verín, no que estará presente o director. "Por suposto que estarei, estaremos os tres. É un regalo facelo alí por todo o que significa para min no persoal e polo moito que admiramos ese festival. Estamos orgullosos de que exista algo así na vila e de que vaia crecendo pouco a pouco", comenta. 

tierra_de_leche_y_miel_3Héctor Domínguez-Viguera, á esquerda, e os outros dous directores da película, Carlos Mora e Gonzalo Recio.

É máis que evidente a paixón que sente polo seu traballo, a ilusión coa que conta todas as experiencias vividas e as expectativas postas en todos aqueles proxectos futuros nos que xa está a traballar. Pero, a súa emoción elévase ao infinito cando, ao final da conversa, engade: "Nunca estivera tan lonxe xeográficamente de Verín como facendo esta película. Paréceme bonito regresar con ela, que me levou tan lonxe e que agora me fai regresar a casa. Sempre pensei que as viaxes son para volver".

Héctor Domínguez-Viguera: "É un soño levar a película a Verín, ao meu verdadeiro fogar"