viernes. 26.04.2024
Estación de autobuses de Verín. | FOTO: Iván Iglesias
Estación de autobuses de Verín. | FOTO: Iván Iglesias

A chegada da Alta Velocidade a Galicia, en concreto á provincia de Ourense, despexou moitas incógnitas e trouxo consigo outras tantas dúbidas. Despois de saber que o AVE non efectuará parada na estación da Gudiña-Porta de Galicia e de coñecer os horarios definitivos de trens Alvia, aos que si poderemos ter acceso, xorden outros interrogantes.

A redución de tempos alterou as horas previstas de parada destes trens que conectan con Madrid. Isto afecta tamén aos horarios dos autobuses interurbanos de titularidade da Xunta de Galicia, que achegan aos viaxeiros a estes servizos.

Temos, en transporte público dende Verín, boas combinacións para chegar a algún dos Alvia que parten da Gudiña cara Madrid? En caso contrario, chegados á Gudiña, dispoñemos de opcións para volver a Verín? 

Conexións Verín-A Gudiña

Son catro os trens diarios nos que podemos, dende a Gudiña, chegar á capital de España -ás 08:01h, 10:34h, 13:43h e 19:28h-. Por outra banda, son cinco as conexións de autobús que unen a nosa vila coa estación de ferrocarril:

  • 13:00h, con chegada ás 13:50h
  • 17:15h, con chegada ás 18:05h
  • 18:30h, con chegada ás 19:14h
  • 20:10h, con chegada ás 20:57h
  • 22:10h, con chegada ás 23:00h

Con estes horarios, pode comprobarse que, en ningunha ocasión, se podería acceder aos dous primeiros trens Alvia. Tampouco ao terceiro, xa que o primeiro dos autobuses chegaría sete minutos máis tarde da saída do tren ás 13:43h. Só no caso de viaxar no bus con saída de Verín ás 17:15h ou ás 18:30h poderiamos facer uso do servizo ferroviario das 19:28h. Aínda así, no primeiro estariamos obrigados a agardar unha escala de arredor de hora e media.

Outro dato salientable é que estes servizos de transporte público por estrada que comunican Verín coa Gudiña teñen lugar de luns a venres laborables, polo que tampouco é factible o acceso aos trens que circulan na fin de semana ou en días festivos.

Conexións A Gudiña-Verín

No caso contrario, mesmos problemas. Para volver a Verín dende A Gudiña, soamente teriamos dúas opcións de regreso a casa, a pesar de existir catro trens e outras tantas combinacións de autobús que conectan a estación de ferrocarril coa nosa vila:

  • 07:07h
  • 07:56h
  • 11:55h
  • 15:52h

Só no caso de viaxar no tren das 06:20h -que chega ás 08:44h á Gudiña- ou das 13:15h -que chega ás 15:37h- poderiamos coller algún deses autobuses. Polo tanto, se escollemos as opcións de Alvia máis tardías -ás 17:45h e ás 19:13h- non dispoñeriamos de opcións para chegar ata Verín por esta vía. 

Como no caso anterior, estas conexións teñen lugar de luns a venres laborables, polo que o servizo en fin de semana ou días festivos quedaría deserto.

O servizo noutros lugares

Non ocorre isto no caso doutras localidades ourensás como O Barco de Valdeorras, onde a Xunta xa modificou os horarios de autobús para garantir os enlaces con esperas reducidas. Así, atrasouse o horario do servizo que lles permite aos viaxeiros coller o primeiro tren da mañá creando ademais unha nova expedición para atender aos que chegan no tren de volta a media tarde. Tamén se mantén o servizo que sae da Gudiña ás 19:00h e que conecta aos viaxeiros con Viana do Bolo.

NOTICIAS VERÍN | Só dous dos cinco autobuses entre Verín e A Gudiña chegan a tempo para...