jueves. 18.04.2024
Hospital Público de Verín.
Hospital Público de Verín.

O Diario Oficial de Galicia publicaba este xoves a resolución da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras mediante a que se ofertan contratos de longa duración de persoal facultativo, de distintas especialidades, para os tres hospitais públicos da provincia, unha iniciativa que tenta adiantar a cobertura das prazas que quedaron vacantes, por xubilación ou concurso de traslados, e se cubrirán definitivamente nas oposicións en curso.

Son un total 41 plazas de 21 especialidades, 19 no Hospital Universitario de Ourense, 11 no Hospital de Verín e outras 11 no de Valdeorras. Delas, a máis numerosa é a de especialistas en Cirurxía Xeral e do Aparello Dixestivo, con sete prazas, seguida da de medicina interna, con cinco.



As convocatorias máis numerosas no Hospital de Verín son as de especialistas en Anestesioloxía e Reanimación, Cirurxía Xeral e do Aparello Dixestivo, Medicina Interna, Traumatoloxía e Cirurxía Ortopédica, con dúas prazas cada unha. Seguidas das especialista en Dermatoloxía Médico Cirúrxica e Venereoloxía, Oftalmoloxía e Pediatría, cunha praza ofertada en cada categoría.

Reforzo ao paridoiro

Esta convocatoria, ademais de tentar incorporar a profesionais médicos naquelas especialidades que estiveron en precario nos últimos anos no hospital comarcal, amosa un compromiso real, tanto da directora do Distrito Sanitario de Verín -Guillermina Agulla- como da Xerencia de Área de Ourense, de potenciar o servizo de Pediatría, ao que se incorporaría un novo profesional no caso de que se logre cubrir esa praza, disipando así o medo que tiña o servizo de Xinecoloxía e Obstetricia do hospital de Verín de que, unha vez se xubilase o pediatra que realiza as gardas cando a facultativa contratada logo do peche do paridoiro desfruta de permiso, quedase algún dos partos sen profesional obrigando á súa derivación a Ourense. 

Tamén se tentará dotar de novo ao centro hospitalario da comarca dun necesario dermatólogo que evite os desprazamentos que os pacientes desta especialidade realizan á capital ourensá para seren consultados. 

O Sergas oferta unha segunda praza interina de Pediatría para o hospital de Verín