Unha matrona, unha enfermeira, un fisioterapeuta, dúas técnicos de coidados auxiliares de enfermería e un celador serán as vindeiras incorporacións ao cadro de persoal do hospital comarcal de Verín, de xeito estrutural e estable, segundo así llo confirmou a dirección da Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, no transcurso da reunión que mantiveron coa Comisión Delegada deste centro.
En concreto, o Hospital de Verín contará, desde os próximos días, cunha nova praza de matrona, unha praza de enfermería, un fisioterapeuta, para o servizo de Rehabilitación; dúas técnicos de coidados auxiliares de enfermería, que desempeñarán as súas funcións en Rehabilitación e Hospitalización, e un celador, tamén na área de hospitalización.
A cobertura das novas prazas farase efectiva desde o vindeiro mes de novembro, seguindo o procedemento regrado de contratación, do Servizo Galego de Saúde, por medio das listas de contratación de persoal eventual, ata a súa cobertura definitiva por medio de concurso-oposición, vía de acceso habitual ao emprego público cun criterio de igualdade, mérito e capacidade.
DERMATOLOXÍA SEGUE PREOCUPANDO
Xunto a elo, na Comisión Delegada informouse igualmente da autorización dunha convocatoria extraordinaria para a cobertura estable dun especialista en Dermatoloxía, ofrecendo un contrato de interinidade na procura de aumentar o atractivo desta oferta de emprego, ata a súa convocatoria vía OPE (Oferta pública de emprego).