
No pleno desta mañá celebrado na Casa da Cultura de Verín deuse conta do acordo alcanzado pola maioría dos empresarios do sector da hostalería co Concello verinense polo que a meirande parte dos propietarios de establecementos decidiron pechar ata o vindeiro día 22 de outubro. O acordo, voluntario, permitía que o que non quixera adherirse poidese seguir abrindo as súas instalacións, polo menos no seu interior, porque un par de horas despois das 9:30 horas, o rexedor, Gerardo Seoane, asinaba un decreto no que deixaba sen licencia todas as terrazas da vila, é dicir, clausuraba de facto todas as instalacións exteriores dos bares, o que limitaba o servizo só ás mesas do interior dos establecementos que, voluntariamente, quixeran permanecer abertos.
Pois ben, Sanidade vén, esta mesma tarde, de cercenar toda posibilidade a eses bares cuxos donos queiran desmarcarse da medida acordada pola maioría. A Consellería de Sanidade decidiu elevar ao nivel tres de restrición ao concello de Verín, no que se mantén a limitación de xuntanzas a grupos de convivintes. Bares e cafeterías -aqueles que queiran seguir abrindo- limitaríanse, en teoría, a atender nas terrazas a grupos de persoas convivintes, posibilidade que co decreto do rexedor verinense xa non queda contemplada. É dicir, só os restaurantes poderán servir no seu interior e cun aforo limitado ao 50%.
Só dez persoas xuntas en reunións públicas e privadas en Galicia
A Consellería de Sanidade, ademais, vén de acordar limitar as xuntanzas en toda Galicia, tanto públicas como privadas, a un máximo de dez persoas, logo da reunión do comité clínico que fai seguimento da evolución da covid-19 na comunidade autonóma desta tarde, tras constatar o aumento de contaxios en xuntanzas sociais e familiares.