
Desde o día de onte, Galicia sofre unha chegada masiva de po procedente do Sahara, o que fai que a calidade do aire empeore, polo aumento das concentracións de partículas en suspensión, podendo producir efectos adversos de consideración na saúde humana.
Por este motivo, a Dirección Xeral de Saúde Pública recomenda non practicar actividades ao aire libre, sobre todo exercicio intenso, pechar as portas e fiestras para evitar a entrada de po nos domicilios e usar máscaras e gafas en exteriores, sobre todo no caso de poboación sensible, ata que este episodio se acabe.
O tamaño das partículas (PM), determina a perigosidade do po para a saúde. Destas partículas, as que poden causar efectos nocivos na poboación, son as de 10 micras (PM10) ou menores, que producen síntomas como irritación nos ollos, nariz, boca e gorxa. As menores de 2,5 micras (PM2,5), ademais, teñen a capacidade de introducirse nos pulmóns e no torrente sanguíneo, producindo sobre todo, unha diminución da capacidade respiratoria o que provoca problemas respiratorios e agravamento das patoloxías crónicas, como o asma ou a EPOC.
A poboación que pode verse mais afectada pola mala calidade do aire, debido á elevación das partículas en suspensión, son as persoas con enfermidades pulmonares ou cardiocirculatorias, principalmente asma ou EPOC, os anciáns, nenos e embarazadas.