
Non haberá neno ou nena na comarca que non reciba o seu presente nestas datas. E aínda que o propio día da celebración é este xoves, as Súas Maxestades teñen que adiantar algúns dos compromisos pendentes para poder chegar en hora a todas as casas. Por iso que concellos como Monterrei, Laza e Oímbra serán os primeiros en recibir a visita dos Reis Magos, xa este mércores pola mañá, para poder rematar a xornada á medianoite con todo o traballo rematado.
Velaí a axenda que teñen Reis, camellos e paxes, concello a concello:
Monterrei
- 10:30 horas: Vences
- 12:00 horas: Medeiros
- 13:00 horas: Guimarei, na pista polideportiva cuberta, ata onde terán que achegarse os cativos de Albarellos e Vilaza por mor das previsibles condicións climatolóxicas adversas.
Oímbra
Tamén no concello de Oímbra non quedará neno ou nena que non teña a oportunidade de ver pasar a cabalgata real. Só teñen que estar pendentes do reloxio, porque estes son os horarios de paso polas diferentes aldeas.
- 10:45: Videferre
- 11:15: Espiño
- 11:30: Bousés
- 12:30: Casas dos Montes
- 13:00: A Granxa
- 13:15: As Chas
- 15:30: Rabal e Terrón
- 16:20: San Cibrao
- 17:15: O Rosal
- 18:00: Oímbra
Laza
- 11:00 horas: Praza de Trez, os nenos de Toro e Trez.
- 12:15 horas: Igrexa de Castro, para os nenos de Soutelo Verde, Castro e Naveaus.
- 13:00 horas: Souteliño
- 15:30 horas: Matamá
- 17:00 horas: Laza, praza da Picota.
Riós
A cabalgata real terá unha única parada no concello orriolense. Será ás 16:30 horas diante da casa consistorial. Se algún cativo non pode acudir por estar confinado por mor da Covid, dende o equipo de Goberno aseguran que poden chamar ás dependencias municipais e se lle farán chegar os presentes que deixen para eles as Súas Maxestades.
Viana do Bolo
Ás 16:00 horas arranca a comitiva real o seu percorrido polas aldeas do municipio vianés. Teñen que apurar o paso porque cara as 19:00 horas os nenos da capitalidade do concello estarán xa, nas rúas, agardando polos seus presentes.
A Mezquita
Ás 18:00 horas, as Súas Maxestades darán un pequeno paseo pola Mezquita. Partirán da porta do Concello e irán ata o auditorio (edificio multiusos), onde repartirán agasallos á cativada.
Verín
Este mércores, a partir das 18:00 horas, as Súas Maxestades, os Reis Magos de Oriente, percorrerán as rúas de Verín nunha espectacular cabalgata. A ruta finalizará na Praza do Concello, onde terá lugar unha recepción, con animación audiovisual, na que os menores poderán entregar as súas cartas no buzón real.
Melchor, Gaspar e Baltasar percorrerán as rúas do centro de Verín, partindo do barrio de San Lázaro e pasando pola avenida Luís Espada, rúa Deputación, rúa dos Remedios, Avenida de Cabreiroá, Rúa Constitución e avenida de Portugal; para chegar a praza do Concello, onde terá lugar a recepción oficial. Pola seguridade los asistentes non se permitirá o seguimento da cabalgata nin se fará entrega de caramelos durante o percorrido.
Xa na praza do Concello, os nenos e nenas que así o desexen poderán saudar as Súas Maxestades de Oriente, mantendo a distancia de seguridade pertinente, e deixar as súas cartas no buzón real. A recepción realizarase baixo un estrito control de seguridade no Protección Civil e Policía Local velarán polo cumprimento de todas as medidas de prevención anticovid-19 vixentes.
O acceso á devandita recepción realizarase a través de rúa doutor Pedro González e a saída pola rúa Colón (Edificio de Facenda). Pola seguridade dos participantes, controlarase o aforo da recepción e non se fará entrega de ningún tipo de agasallo.
En caso de inclemencias meteorolóxicas, tan só se manterá a recepción dos Reis Magos na praza do Concello, suspendendo a cabalgata dinámica polas rúas de Verín.