A dúas semanas para o comezo do ciclo do Entroido limiao, a Xunta de Galicia aínda non deu a coñecer as normas que deberán seguir as celebracións. Si se sabe, pola contra, que será o vindeiro martes cando a Consellería de Sanidade faga público o protocolo para a súa celebración.
A Comisión organizadora e o Concello de Xinzo xa avanzaron algunhas medidas co fin de evitar no posíbel as aglomeracións de xente. Tamén a Asociación Cultural EnLAZAdos e o Concello de Laza decidiron esta semana que non se organizará acto ningún nos folións dos días 4, 11, 18 e 25. Trátase dos catro venres de febreiro.
O seguinte paso será a reunión de coordinación dos entroidos de Xinzo, Laza e Verín, o coñecido Triángulo Máxico, unha xuntanza que hai semanas que se vén preparando e para que xa hai data: será o próximo martes, 25 de xaneiro. Xunto as comisións organizadoras de Xinzo e Laza -tamén estarán presentes membros dos respectivos consistorios- participarán representantes do Concello de Verín, o único municipio dos tres que non conta cun colectivo organizador alleo á institución municipal.
A idea é adaptar as celebracións aos límites sociosanitarios que establece a normativa e que non se produzan disonancias entre os tres entroidos. Valoraranse medidas conxuntas, como suspender os concertos e as orquestras nas tres localidades. Entre outras razóns, para non provocar efecto chamada.
Despois, cada entroido adaptará as diferentes celebracións masivas da súa localidade ás circunstancias sanitarias. Polo momento, a sexta onda da Covid - 19 parece moderar a súa expansión, mais a baixada da curva aínda non se produciu e podería non ser tan rápida como se vaticinou. O Entroido empezará a celebrarse nun contexto moi semellante ao actual.