miércoles. 09.10.2024
feiradoviño
Os estacionamentos da praza da Alameda comezan a seren ocupados polas casetas da Feira do Viño de Monterrei.

A inminente celebración dunha nova edición da Feira dos Viños de Monterrei está mudando, de xeito notable, a distribución do tráfico rodado no entorno da praza da Alameda. Todos aqueles que queiran acceder a ela dende Luís Espada, atoparanse cun sinal de prohibido acceder nos comezos da rúa Alameda, obrigándoos a que para incorporarse ás proximidades da mesma deban usar a opción da rúa Muralla. Canle, que tamén está cortada no seu inicio logo de que se levantasen, novamente, as pedras do seu firme. Deste xeito, as únicas vías de acceso á praza da Alameda respectando a regulación do tráfico son, ben pola rúa Mariano Carrero dende Irmáns Fernández Álvarez para logo incorporarse á dereita pola rúa Muralla, ou ben pola estrada de Vilela, á que se pode acceder dende a estrada de Laza na intersección co acceso ás vivendas do Primeiro de Maio. 

Chegados á praza da Alameda, só está aberto ao tráfico en dirección ao río a súa comunicación Norte, isto é, entre a rúa Muralla e o parque da Preguiza. Os automobilistas que desexen abandonar o lugar deberán facelo respectando a sinalización existente, que os levará polo mencionado estacionamento da Preguiza e ao carón do río Támega para logo volver a acceder á rúa Alameda en dirección a Luis Espada sentido saída.

O Concello de Verín tamén vén de emitir un bando no que restrinxe o tráfico rodado os días de celebración da Feira do Viño, totalmente, entre os días 9, 10 e 11 de agosto. Así, o venres, os automóbiles non poderán circular entre as 18,30 e as 2,00 horas do sábado día 10. Ese mesmo día, o tráfico tamén estará pechado, ademais de pola tarde, pola mañá, entre as 10,30 e as 15,00 horas. A mesma restricción circulatoria se establecerá o último día da feira. 

O rexedor verinense, Gerardo Seoane, reclama a maior colaboración dos administrados e ofrece as súas desculpas, en nome da organización do evento, a todos aqueles perxudicados polas medidas adoptadas. 

Restriccións ao tráfico por mor da Feira do Viño de Monterrei que comeza este venres