Xoves. 28.03.2024
Os deputados socialistas de Ourense trasladaron ao Congreso a súa petición dun reparto de fondos xusto da Deputación de Ourense.

Os nove deputados e deputadas ourensáns que ao longo dos últimos días peregrinaron a pé ata Madrid, mantiveron un encontro co voceiro de PSOE no Congreso, Héctor Gómez, para trasladarlle a “preocupante tómbola caciquil” na que está instalada a Deputación de Ourense, a través dun "reparto permanente de fondos públicos a dedo entre concellos gobernados polo PP".

Durante o encontro no Salón dos Pasos Perdidos da Cámara Baixa, no que estiveron acompañados por outros deputados, deputadas, senadores e senadoras, explicaron ao portavoz socialista a “necesidade” de modificar a lexislación vixente, para que estas institucións “teñan que executar unha distribución equitativa e xusta entre todos os municipios ao igual que o financiamento recibido por estes entes provinciais tamén é plenamente democrático, equitativo e xusto”. De feito, ao longo dos vindeiros meses está previsto iniciar unha reforma da normativa sobre financiación das comunidades autónomas e da lexislación sobre os entes locais co fin de regular estes asuntos económicos.

“É necesario que, alomenos, unha parte dos fondos públicos que executan as deputacións, sexan transferidos directamente aos municipios mediante criterios obxectivos determinados claramente na lexislación”, insistiron. Segundo afirman, Gómez mostrouse "fondamente preocupado" por esta situación.

Coa iniciativa ‘un millón de pasos por Ourense’ os deputados e deputadas, en representación dos alcaldes e alcaldesas da provincia, están a reclamar o amparo das institucións estatais, co fin de acabar co reparto “inxusto” dos cartos públicos. “Actualmente nove de cada dez euros desta institución acaban en municipios gobernados polo PP a través de acordos discrecionais, unha situación anómala en todo o Estado”, insisten.

Deputados socialistas de Ourense reclaman no Congreso o amparo do Estado ante a...