O PSdeG-PSOE de Ourense despregou esta semana unha ofensiva institucional para denunciar o que consideran un "abandono sistemático" do rural e unha falta de previsión ante a campaña de incendios. No Parlamento de Galicia, a voceira de Política Forestal, Carmen Rodríguez Dacosta, denunciou que a Xunta aínda non abonou as axudas de emerxencia para a alimentación de gando extensivo aprobadas tras os lumes de agosto. Segundo a representante socialista, os gandeiros levan oito meses asumindo os custos dos seus petos mentres a administración autonómica mantén bloqueados os fondos por un exceso de burocracia.
A situación é especialmente grave na comarca de Verín, onde moitas explotacións seguen sen resolución administrativa de expedientes que deberían ser de liquidez inmediata. Dacosta contrastou esta xestión coa do Ministerio de Agricultura, que concedeu de oficio 27,8 millóns de euros aos afectados. Esta parálise coincide co momento en que o sector primario en Ourense rexistra o seu mínimo histórico de ocupación, con apenas 3.740 afiliados á seguridade social agraria, o que evidencia unha crise estrutural sen precedentes no territorio.
Paralelamente, a deputada provincial Eva Pérez Gamote levará ao vindeiro pleno da Deputación unha moción para urxir medidas de prevención ante a chegada do calor. A iniciativa socialista critica que a Mesa Provincial de Incendios non publicou conclusións tras seis meses de actividade. Os socialistas lembran que os primeiros focos de marzo no Xurés, que queimaron 22,8 hectáreas, confirman que a provincia afrontará o verán na mesma situación de vulnerabilidade que o ano pasado se non se activan de inmediato as limpezas de franxas de seguridade e o apoio técnico aos concellos de menos de 10.000 habitantes.
