Venres. 29.03.2024
Juan Carlos Francisco
O voceiro de Economía dos socialistas galegos no Parlamento de Galicia, o verinense Juan Carlos Francisco.

O portavoz de Economía do Grupo Socialista, Juan Carlos Francisco, vén de reclamarlle ao goberno galego que desbloquee o proxecto do Polígono de Tamagos, en Verín, permitíndolle ao Concello que tome baza e comece coa primeira fase con recursos propios. Francisco presentou unha pregunta oral na Comisión de Economía do Parlamento na que advertiu que o desleixo do goberno galego ten feito do lugar "un campo de silvas".

O responsable socialista urxiu ao goberno galego a tomar unha das tres vías posibles, que son cumprir coas súas competencias e urbanizar o terreo, asinar un convenio co Concello para que poida urbanizalo ou ben venderlle parte do espazo. Sinalou neste sentido que Verín está "disposto a comprar parte do Polígono dada a incapacidade do Executivo para iniciar unha actuación fundamental para a economía de Monterrei".

Juan Carlos Francisco emprazou ao goberno galego a, de no ser quen de iniciar a urbanización do Polígono, "chegar a un acordo que lle permita ao Concello de Verín asumir o impulso da actuación iniciando a execución dunha primeira fase do parque". Pediulle á Xunta que "dimensione o proxecto sectorial de acordo coas posibilidades municipais, e tendo en conta as condicións de demanda existentes e da propia iniciativa".

Unha década de retraso

O Polígono de Tamagos -explicou o parlamentario socialista- é un proxecto que se remonta ao goberno presidido polo socialista Emilio Pérez Touriño, que permitiu que fora aprobado no Consello da Xunta do 20 de abril de 2011. Sen embargo, dende entón o goberno galego non "fixo nada para desenvolver as licitacións, por moito que dispoña da competencia para o seu desenvolvemento a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo".

É un monte cheo de silvas, o reflexo perfecto da política industrial da Xunta de Galicia para Ourense e a comarca de Monterrei (Juan Carlos Francisco, parlamentario do PSdeG)

Explicou que a día de hoxe o dito polígono, situado nunha zona inmellorable, a camiño das principais vías de comunicación, o que fai del un elemento central do futuro desenvolvemento da comarca de Monterrei, en realidade "é un monte cheo de silvas, o reflexo perfecto da política industrial da Xunta de Galicia para Ourense e a comarca", rematou o parlamentario. 

O PSdeG reclámalle á Xunta que reactive a urbanización do parque empresarial de Tamagos