domingo. 19.07.2026
Álvaro Vila defende que o transporte gratuíto garante o acceso das persoas damnificadas ao encontro “Xuntos contra o lume”

O PSdeG pide que a Deputación pague os autobuses dende as zonas afectadas polo lume ao partido solidario do Celta en Balaídos

20250814 IFVilardecervosVilardevós, Incendio Vilardevós, Veiga das Meás (4)
IFVilardecervosVilardevós, Incendio Vilardevós, Veiga das Meás. | FOTO: Noelia Caseiro.

O deputado e voceiro do Grupo Provincial Socialista, Álvaro Vila, presentou unha proposta para que a Deputación de Ourense asuma o custe do transporte en autobús desde os concellos e parroquias máis afectadas polos incendios do pasado agosto ata Vigo, co obxectivo de facilitar a asistencia ao partido benéfico "Xuntos contra o lume", previsto para o 8 de outubro no estadio Abanca Balaídos.

 

Segundo explicou Vila, a medida "persegue democratizar o acceso a unha convocatoria solidaria que destinará a totalidade do recadado á reforestación e recuperación dos montes ourensáns tralos devastadores lumes do verán".

 

O voceiro socialista lembrou que os incendios de agosto tiveron un impacto "sen precedentes", afectando gravemente ao rural, ao sector primario e ao medio ambiente, e subliñou que "deixaron un regueiro de destrución que abrangue miles de hectáreas de monte, cultivos e pasteiros, comprometendo a sustentabilidade económica de moitas familias e a conservación do patrimonio natural".

 

A proposta contempla un sistema de reserva gratuíto das prazas, dando prioridade ás persoas residentes nas zonas máis castigadas e aos colectivos con maiores dificultades de mobilidade. Vila insistiu en que a Deputación "ten a responsabilidade de apoiar todas aquelas iniciativas que contribúan á recuperación integral do territorio provincial" e defendeu que esta medida non só favorece a participación, senón que tamén reforza a capacidade recadatoria do evento.

Partido solidario "Xuntos contra o lume".
Partido solidario "Xuntos contra o lume".

 

O PSdeG-PSOE enmarca esta iniciativa no traballo continuado que o grupo provincial desenvolve en apoio aos concellos afectados polos incendios, lembrando que desde o primeiro momento impulsaron medidas de recuperación e de apoio ás familias e ao territorio.

 

Finalmente, os socialistas piden que se difunda a iniciativa a través dos concellos e medios da provincia para garantir a máxima participación, así como que se dea traslado do acordo ao RC Celta de Vigo, á Real Federación Galega de Fútbol e aos municipios afectados, de cara a coordinar a acción de forma eficaz.

O PSdeG pide que a Deputación pague os autobuses dende as zonas afectadas polo lume ao...