lunes. 20.07.2026
Juan Carlos Francisco criticou os dez anos de parálise do parque industrial

O PSdeG esixe á Xunta desenvolver "Tamagos" porque no polígono de Pazos "só hai tres parcelas dispoñibles"

Juan Carlos Francisco, parlamentario verinense na Cámara galega polo PSdeG.
Juan Carlos Francisco, parlamentario verinense na Cámara galega polo PSdeG.

O parlamentario socialista Juan Carlos Francisco reclamoulle hoxe á Xunta que desbloquee o desenvolvemento do Polígono de Tamagos, en Verín, que leva 10 anos paralizado dende que aprobaran o proxecto sectorial en 2011. Francisco presentou unha pregunta oral á conselleira de Territorio, á que urxiu a retomar un proxecto "estratéxico e fundamental" para Monterrei e hoxe convertido nun "monte abandonado".

 

290.000 metros cadrados de silvas

Juan Carlos Francisco lamenta que o bloqueo por parte do goberno galego teña malogrado as iniciativas do concello para desenvolver un polígono de solo industrial de calidade, perfectamente conectado con Vigo, Madrid e Portugal, e que conta con 290.000 metros cadrados de "silvas e matogueira". Un total de 127 hectáreas, dixo, das que a Xunta conta co 75 por cento, mentres o 25 por cento restante está pendente de expropiación.

Sinalou que o outro polígono da comarca, o de Pazos, dispón de tres parcelas dispoñibles por un total de 9.000 metros cadrados, pero en zona inundable, o que multiplica os custes notablemente e pon en cuestión a viabilidade para atraer investimentos.

Unha década perdida

O Polígono de Tamagos, explicou o parlamentario verinense, é un proxecto que se remonta ao goberno presidido polo socialista Emilio Pérez Touriño, que permitiu que o proxecto fora aprobado no Consello da Xunta do 20 de abril de 2011. Sen embargo, dende entón o goberno galego non fixo nada para desenvolver as licitacións, por moito que dispoña da competencia para o seu desenvolvemento a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo.

O Concello de Verín podería facer de promotor


Segundo apunta Francisco na pregunta dirixida ao Pleno da Cámara autonómico, "transcorridos nove anos dende a aprobación, ningún promotor ten iniciado as actuacións necesarias para poñer en marcha este parque empresarial, cuxo desenvolvemento é estratéxico e crucial para o desenrolo económico do concello de Verín e nomeadamente de toda a comarca de Monterrei", e asegura, como así tamén o manifestou o rexedor verinense -Gerardo Seoane- e llo fixo saber á Administración autonómica, "o propio Concello de Verín estaría disposto a actuar como promotor, e chegar a un acordo que lle permita asumir ao Concello o impulso da actuación iniciando, dende a iniciativa municipal, a execución dunha primeira fase do parque", conclúe o socialista na cuestión rexistrada esta mesma mañá no Parlamento de Galicia. 

O PSdeG esixe á Xunta desenvolver "Tamagos" porque no polígono de Pazos "só hai tres...