A provincia de Ourense dará comezo este domingo ao ciclo de rutas de sendeirismo impulsado pola Deputación de Ourense a través do Inorde (Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico), unha proposta que permitirá percorrer a Vía da Prata desde a fronteira de Feces ata a cidade de Ourense ao longo de catro etapas.
O programa forma parte do proxecto transfronteirizo Camiño Vertical, cofinanciado polo Programa Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027 da Unión Europea, e ten como principal obxectivo promover o turismo sostible e contribuír á dinamización económica do rural a través dos recursos naturais, patrimoniais e históricos compartidos entre Galicia e o norte de Portugal.
A primeira das andainas desenvolverase este domingo, 31 de maio, cun percorrido de 18,7 quilómetros entre Feces e Verín, catalogado cun nivel de dificultade media-alta. O trazado cruzará a fronteira desde Chaves e avanzará por puntos como Feces de Abaixo, Mandín, Tamaguelos e Mourazos antes de finalizar na capital verinesa.
A segunda etapa celebrarase o 7 de xuño e conectará Verín con Xinzo de Limia a través de 34,8 quilómetros. O itinerario inclúe espazos como o Castelo de Monterrei, o val de Albarellos e o alto das Estibadas. Esta ruta poderá completarse de maneira íntegra ou dividida en dous tramos de 21,5 e 13,2 quilómetros.
O calendario continuará o 14 de xuño cun percorrido de 20,8 quilómetros pola chaira da Limia e a antiga canle da Lagoa de Antela, seguindo parte do trazado da histórica Vía Nova romana ata chegar a Allariz.
A última xornada terá lugar o 21 de xuño, cunha ruta de 22,6 quilómetros entre Allariz e Ourense, atravesando o conxunto etnográfico de Santa Mariña de Augas Santas e entrando na cidade a través de Seixalbo.
En total, o programa suma máis de 90 quilómetros de percorrido por diferentes espazos naturais e patrimoniais da provincia. A organización tamén facilitará un servizo gratuíto de guías especializados e de transporte en autobús para os desprazamentos dos participantes.
As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición a través da páxina web oficial de conocegalicia.es ou chamando ao teléfono 988 253 359.
