Venres. 29.03.2024
O rexedor, Gerardo Seoane, exerceu de anfitrión na presentación das axudas á innovación.
O rexedor, Gerardo Seoane, exerceu de anfitrión na presentación das axudas á innovación.

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), en colaboración coa Confederación de Empresarios de Ourense (CEO) celebraron este luns unha xornada informativa, en dobre modalidade presencial e virtual, para presentar as principais novidades das liñas de axuda Innova Peme e Deseña Peme da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia.

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, que foi a encargada de abrir a xornada por videoconferencia, destacou a importancia de que as micro e pequenas empresas inicien o camiño da innovación para mellorar a súa competitividade e crecemento a través dun maior valor engadido dos seus produtos e servizos. Argerey apuntou que a innovación está ao alcance de calquera empresa, con independencia do seu tamaño, localización ou sector, e que a Administración está aí para acompañar aos sectores máis tradicionais cara a unha economía máis innovadora.

Este encontro, que se suma aos 32 realizados dende novembro en localidades das catro provincias galegas reunindo a máis de 1.000 asistentes, inscríbese no Programa de Impulso á Innovación nas Pemes, que ten como obxectivo promover que a innovación sexa a esencia da competitividade das pemes galegas e contribuír a superar os obstáculos para innovar das pemes. Ademais destes eventos de difusión, este programa inclúe outras actuacións como difusión da cultura da innovación para incrementar o número de pemes innovadoras; desenvolvemento de contidos formativos e ferramentas para que as pemes poidan avaliar a súa capacidade para innovar; difusión de casos de éxito de empresas innovadoras da contorna e asesoramentos personalizados.

Programas Innova Peme e Deseña Peme

A directora de Gain animou ás empresas asistentes a presentarse ás convocatorias Innova Peme e Deseña Peme que están abertas ata o 18 e o 23 de maio, respectivamente. Innova Peme está destinada a incrementar a capacidade innovadora das pemes e microempresas galegas a través de actividades integradas en plans de innovación, mentres que Deseña Peme apoia a incorporación do deseño como elemento estratéxico nas organizacións como unha ferramenta imprescindible para a innovación.

Entre as dúas, a Xunta de Galicia prevé apoiar ao redor de 90 pemes e microempresas galegas para que introduzan a innovación nos seus procesos, organización, produtos e servizos, cun investimento público de 4,3 millóns de euros que permitirá mobilizar 8,6.

Por unha banda, a quinta edición de Innova Peme, dotada cun orzamento de 2,8 millóns de euros, permitirá ás beneficiarias sistematizar os procesos de innovación da empresa a través do financiamento de actividades como estudos de novos produtos ou servizos innovadores, asesoramento en innovación, solucións innovadoras que melloren a produción, novas metodoloxías que incidan positivamente no funcionamento interno da empresa, identificar tecnoloxías clave do seu negocio, mellorar a comercialización de produtos e servizos, captar financiamento ou protexer industrialmente os seus resultados.

Esta convocatoria, de concorrencia competitiva, prevé outorgar axudas de entre 40.000 a 100.000 euros a preto de 40 empresas e, deste xeito, contribuír a incrementar o número de compañías innovadoras, potenciar a colaboración das pemes galegas co resto de axentes do ecosistema e aumentar o gasto de I+D e de actividades vencelladas á innovación.

Pola súa banda, a segunda edición de Deseña Peme, dotada cun orzamento de 1,5 millóns de euros,  ten como obxectivo apoiar 50 proxectos centrados no deseño de produto, de servizos e experiencias, así como de marca e identidade corporativa para favorecer a posición das empresas. As axudas, de concorrencia competitiva, valorarán a xeración de deseños sustentables e outorgarán apoios de entre 5.000 e 100.000 euros.

Presentadas en Verín as liñas de axudas para consolidar a innovación nas pemes