
A análise destas eleccións autonómicas 2020 pechouse cunha relativa estabilidade na representación do PP a nivel galego, un claro aumento dos votos dirixidos ao BNG e un descenso do PSdeG. Os veciños e veciñas de Verín semellaban incrédulos ante estes resultados, que outorgaban ao partido representando por Jiménez Morán na vila verinense a maioría absoluta no Parlamento Galego. En xeral, esta visión cúmprese tamén na comarca de Verín: o Partido Popular mantense como primeira forza, a pesar de perder votos con respecto a 2016, o BNG ascende sen precedentes e o PSdeG suma 75 novas papeletas en toda a bisbarra verinense.
Dos 2.311 votos que perdeu o Partido Popular na comarca de Verín, 1.298 son responsabilidade dos concellos de Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Riós e Vilardevós. A porcentaxe de caída do PP é do 26,74%, o que significa que o partido de Feijóo perde algo máis dunha cuarta parte dos votos. Pola súa parte, o BNG ten unha análise máis positiva: os 1.910 novos votos conseguidos en todo o territorio comarcal verinense representan un incremento do 142,07% para a formación.
Concello de Monterrei
O municipio que máis sufriu a xestión de Feijóo durante as últimas semanas, non foi o encargado de outorgarlle os peores resultados aos populares. No concello de Monterrei, o PP perdeu 260 votos con respecto ás eleccións de 2016, o que correspondería a unha caída do 22,16 %. Pola súa banda, o BNG representa a segunda forza máis votada no municipio. Os galeguistas conseguiron 261 novos votos con respecto ás últimas eleccións, o que supón o maior crecemento de toda a comarca, cun 189,13%. No caso de Monterrei, a pérdida dos socialistas é reducida: o PSdeG perdeu 8 sufraxios no último periodo electoral, o que correspondería a unha caída do 3,08%.
Concello de Castrelo do Val
O Partido Popular perdeu 91 votos no municipio de Castrelo do Val con respecto ás eleccións de 2016. A caída da que continúa a ser a forza máis votada no concello, é a segunda máis elevada da comarca, despois de Laza, cun 32,85%. En Castrelo do Val tamén perde o PSdeG: 43 son os votos cos que xa non conta a formación socialista no concello. A caída da segunda forza é menos significativa que a do Partido Popular: un 18,81%. O BNG érguese como a terceira forza no municipio: a formación galeguista conta con 75 sufraxios máis que no 2016, o que corresponde a un crecemento do 127,12%.
Concello de Cualedro
O Partido Popular, no caso de Cualedro, perdeu 217 con respecto ás pasadas eleccións autonómicas. O PP segue consolidándose como a forza máis votada no municipio, a pesar de que experimentou unha caída do 25,05% con respecto ao 2016. O BNG é o seguinte na lista, cun incremento de 79 sufraxios dende as pasadas eleccións, que lle outorga un ascenso do 183,72%. En terceiro lugar, o PSdeG mantense bastante estable: o descenso só lle custou 1 voto á formación socialista con respecto ás pasadas eleccións. Por último, o aumento máis relevante en Cualedro é o da formación verde: Vox tocou a 27 votantes na localidade. A cifra non é especialmente alarmante, pero cabe destacar que Cualedro é o concello onde a formación de ultra-dereita conseguiu máis votos en toda a comarca.
Concello de Laza
En Laza, o partido de Feijóo perdeu 230 votos con respecto ás pasadas eleccións, o que correspondería a unha caída do 38,08% da representación. Laza é o concello que lle outorgou ao partido de Feijóo o peor descenso con respecto ás pasadas eleccións. O Partido Popular (que contaba no ano 2016 con case o 62% dos votos) representa, no novo ciclo, algo menos do 50%. En segundo lugar, o BNG conta cunha representación do 24,3%: un aumento do 173,13% dende as pasadas eleccións autonómicas (o que correspondería a 116 novos votos para a formación). En terceiro lugar, o PSdeG tamén pode falar de aumento: 45 novos votos que elevan a representación, de pouco menos do 11,6% en 2016 a case o 21% neste ano 2020. Laza é o municipio no que o PSdeG saiu mellor parado nestas eleccións ao Parlamento de Galicia cun incremento dos votos do 39,82%.
Concello de Oímbra
O Partido Popular tamén perdeu votos en Oímbra, pero o descenso dos populares no municipio é o menos significativo de toda a Comarca de Verín. Os 146 votos perdidos da formación, corresponden a unha caída do 19,31% dende as pasadas eleccións. O PP segue sendo a forza maioritaria con máis da metade dos votos na localidade (concretamente, o 61,62%). O BNG aumentou en 103 votos, o que lle outorga 203 votos en total nestas eleccións autonómicas 2020. A formación galeguista ocupa o segundo lugar e conta cun incremento na representación do 103%. O menos favorecido en Oímbra é o PSdeG: os socialistas conseguen 5 votos máis e sitúase como terceira forza no concello. Quen sí que incremente a súa influencia de maneira relativamente significativa é Vox, que se sitúa como cuarta forza con 24 novos votos.
Concello de Riós
En Riós, o Partido Popular tamén perde representación: 146 son os votos perdidos no municipio, que corresponden a unha caída do 24,79%. O partido popular perdeu nestas eleccións áo Parlamento Galego, 1 de cada 4 votos en Riós. A seguinte forza máis votada é o PSdeG: Riós é o segundo concello onde a formación de Gonzalo Caballero acadou mellores resultados con 40 novos votos que supoñen un incremento do 20,41% con respecto ás pasadas eleccións. En terceiro lugar, o Bloque Nacionalista Galego chega a 70 novos votantes: case un 120,7% máis que nas eleccións autonómicas de 2016.
Concello de Vilardevós
O descenso do PP é lixeiramente maior en Vilardevós, onde a formación perdeu 205 votos. A caída é cercana á media da comarca, cun 26,01%, pero os populares seguen sendo a forza máis votada na localidade cun 50,6% dos sufraxios. O PSdeG continúa a ser a segunda forza máis votada en Vilardevós co 32% dos votos. Os socialistas experimentaron unha caída do 8,84% nestas últimas eleccións; o que correspondería a 35 votos. O único que aumenta con respecto ás eleccións autonómicas de 2016 é o BNG. A formación ocupa o terceiro lugar por orde de representación cun 14,2% dos votos: 107 votos máis que no ciclo anterior. O ascenso da formación de Ana Pontón en Vilardevós é o máis significativo de toda a comarca, cunha porcentaxe do 187,72%.
Concello da Gudiña
Unha vez máis, os resultados no concello que preside José María Lago van na liña dos seus veciños. Perde o PP un de cada catro votos do 2016 (130 sufraxios dos 519 que tiña na anterior convocatoria), incrementan os socialista 1 de cada 5 e o BNG case duplica o número de papeletas obtidas: de 91 (2016) ós 172 deste domingo, cun ascenso do 89 %.
Concello da Mezquita
Pero foi o rexedor da Mezquita, Rafael Pérez, o que revolucionou o panorama político no seu concello, facendo que a formación da nacionalista Pontón pasase de situarse como a terceira forza política no 2016 a ser a primeira neste 2020. Os electores do municipio si souberon premiar a xestión do rexedor nacionalista e outorgáronlle a confianza con 183 papeletas, fronte as 57 do 2016, o que supón un incremento do 221,05 %. PP e PSdeG perderon arredor do 25 % cada un, baixando en 62 sufraxios os populares e 39 os socialistas.
O partido de ultradereita Vox sitúase como cuarta forza na maioría de concellos da comarca. É a primeira vez que os verinenses poden escoller a Vox para representalos no Parlamento Galego; non obstante, a formación non conseguiu acadar o 3% de representación en ningún municipio. Ademais, a formación non conseguiu ningún escaño ao nivel galego.