
A moción de urxencia presentada polo BNG na Deputación provincial de Ourense, logo de coñecerse o anuncio de que a xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras viña de incoar un expediente contra o xefe de xinecoloxía do hospital de Verín -co que se pretende a súa inhabilitación ata un máximo de dous anos-, recibiu este mediodía o apoio unánime de todas as forzas políticas representadas no ente provincial. Nela, ademais de respaldar expresamente a carreira do doutor Castrillo Gutiérrez, aprobouse instar á Xunta de Galicia e ao Sergas o arquivo inmediato do expediente aberto ao galeno palentino.
Bernardo Varela, o voceiros dos nacionalistas, xustificaba a presentación da moción pola "clara intencionalidade deste expediente, que semella unha vendetta política contra este profesional que manifestou publicamente a súa disconformidade coa política do peche da sala de partos do hospital de Verín fai agora xustamente un ano".
Na defensa da proposta nacionalista tamén se pronunciou a deputada socialista e segunda tenente de alcalde de Verín, Rosario Rodríguez, quen dixo do doutor Castrillo Gutiérrez ser "un profesional cunha carreira intachable, comprometido coa defensa da sanidade pública e moi querido por toda a comarca e por tantas e tantas mulleres que ao longo dos 25 anos do exercicio da súa profesión coidou".
O pleno da Deputación xa se viu obrigado a tomar partido durante o desenvolvemento deste conflicto, e a presión social favoreceu que esta institución se manifestase en favor dos intereses veciñais, contradecindo o posicionamento da xerencia e do conselleiro de Sanidade por aquel entón, Jesús Vázquez Almuiña.