Un obituario débese, como é lóxico, a unha persoa ilustre que abandona, "in córpore", definitivamente este mundo. O caso de hoxe é diferente, porque "Toño Cesteiro" morreu fai dous anos, resucitou para ser pregoeiro do Carnaval, recuperou a súa vida administrativa e seguiu vivindo a normalidade social, cunha enfermidade, no seu intre, que non lle facilitou nada o seu facer, pero mantivo, a pesar da súa dor anímica e física, o sentido do humor que sempre o caracterizou. Seguiu vivo a pesar das decisións das administracións públicas.
Hoxe, tristemente, chegoulle o momento final! Os verineses perdemos a un referente do humor, da intelixencia, da chispa, do día e da noite, do motor, e sobre todo do Entroido. Quen non se lembra do home coa cabeza na man, ou do mendigo na porta do "Calinga" coa perna metida na toma de auga do restaurante; ou a gloriosa representación de "Quin Barreiros" no medio da praza Maior? Os seus vídeos e a súa compaña cun licorca e música de fondo no seu santuario: o “Revólver”. Pero ante todo quédome coa boa conversa, da súa humanidade, e do seu saber estar cos pés na terra.
Compartín moitos entroidos, nas "ceas das capas negras", ou "Precomadres", onde manifestou permanentemente o seu enxeño e a súa capacidade de estar moi por riba de todos. O concepto de amizade levábao tatuado na súa fronte e o respecto ó amigo, gravado no fondo do seu corazón. A súa benquerida "Brigada 47" formaba parte da súa folla analítica do Sergas.
Seguramente é un dos verineses máis recoñecidos por todo o país, porque percorreu en dúas rodas as esquinas máis inhóspitas da xeografía nacional, deixando amigos e avais deste fermoso val, ata o punto de ser visitado por unha meirande parte dos turistas que asentaron o seu asueto no seu benquerido Verín. Foi máis embaixador deste val que tódolos panfletos publicitarios editados para o mesmo fin.
Coincidín con el na mesma Corporación durante oito anos, e recordarei sempre a facilidade que tiña de unir a todos, cunhas sinxelas verbas dirixidas sempre cara a solución. Os veciños de Verín temos que botar ó ceo un solemne Grazas! pola súa entrega e desinterese.
Verín deixará de cheirar a pachuli, e propóñolle á Corporación que na súa honra prendan unha variña permanente con ese arume diante do seu "Revólver" con carácter permanente, para que a Alameda cheire á súa lembranza para sempre.
Agora marcha para o mundo da reminiscencia, onde son poucos os que alí asentan a súa eternidade. Con el teño pendente un libro e un traballo, obrigareime a serlle fiel e rematar a miña promesa.
A Pura, súa dona, María o seu querido xermolo e á súa irmá Lola, dende a miña humildade ábrolle os brazos para acompañalos nesta viaxe inexistente do seu querido Cesteiro, que non se marchará nunca de aquí, porque nunca morreu, nin morrerá, a pesar de que pasou por ese estado.
Observei que na nota fúnebre puxo a tódolos seus amigos como familia. Non podía ser menos! Soamente deste estilo de persoas sae este derradeiro agradecemento a tódolos que estivemos ó seu lado perante toda a súa vida. Isto tamén quere dicir que Verín, Galicia e os seus compañeiros Harley de todo o mundo somos os que recibimos cunha forte dor, o pésame.
No vindeiro Entroido haberá máis dun traxe imitando ó Grande Cesteiro...




