
A Asociación Monteval GDR-9 tivo esta mediodía unha reunión para falar de diversos cambios na súa estratexia de desenvolvemento rural, coa intención de adaptala á futura lei de recuperación de terras.
Tras aprobar estas variacións, falouse tamén de temas de funcionamento interno. O máis destacado desta xuntanza foi o cambio de baremo, que xa quedou axustado para a nova convocatoria que espera celebrarse no próximo mes de maio. Para a anualidade 2021-2022, agárdase que este GDR conte con medio millón de euros aproximadamente.
Dita asociación, que leva activa dende xuño de 2008, xoga o papel de núcleo de representación e integración dos diversos axentes territoriais, sociais, económicos e institucionais, tanto públicos como privados; basta con que teñan intención de fomentar o crecemento do territorio de actuación, que o forman os concellos da Gudiña, Mezquita, Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín e Vilardevós.
Coas súas estratexias pretenden mellorar a calidade de vida no medio rural, apostando polas producións máis tradicionais do territorio, pero sen pecharlle a porta á innovación e ó desfrute dos seus recursos.