A adega Tapias Mariñán segue recibindo premios polo seu Quinta das Tapias Colección Godello 2022. Logo do Acio de Ouro ó mellor viño branco de Galicia, agora é a Federación de Enólogos de España quen recoñece a súa calidade na V edición do Concurso Nacional de Viños VinEspaña 2023, outorgándolle a medalla de ouro na categoría "Viños brancos tranquilos".
O Concurso Nacional de Viños VinEspaña consolídase como evento de referencia do sector vitivinícola. Nista edición do 2023, a quinta, celebrouse en Zaragoza. O xurado, formado por prestixiosos profesionais da enoloxía outorgou un total de 14 distincións a outros tantos viños da Denominación de Orixe Monterrei. Confírmanse, diste xeito, as palabras de Aníbal Blanco, cabeza visible da adega Tapias Mariñán, cando nos aseguraba, hai uns días: "a DO Monterrei vaise converter na segunda denominación de orixe de Galicia".
Este está sendo un excelente ano para os viños da Denominación de Orixe Monterrei; por mor da súa calidade e dos numerosos recoñecementos que está obtendo o esforzo de todas as persoas implicadas no sector vitivinícola da bisbarra. Cabe destacar, tamén, o premio Gran Ouro VinEspaña 2023 recibido polo viño Vega de Lucía Godello; a distinción máis alta para a categoría de "Viños brancos tranquilos".
Premiados da DO Monterrei en VinEspaña 2023
Gran Ouro en brancos:
- Vega de Lucía Godello
Medalla Ouro en brancos:
- Quinta das Tapias Godello
- Ladairo Colección Familia 2022
- Crego e Monaguillo 2022
- Trasdovento Selección Cepas Vellas
- Alto do Bocelo Selección Cepas Vellas
Medalla Ouro en tintos:
- Vega de Lucía Mencía
- Ladairo Barrica 2020
- Quérote
Medalla de Prata en brancos:
- Tres Mulleres Godello
- Triay Godello
Medalla de prata en tintos:
- Alto do Bocelo
- Father 1943 Mencía 2020
- Metamorfose