viernes. 19.04.2024
Presentación Xornadas de Novela Histórica do Concello de Verín. | FOTO: Carlos Montero.
Gerardo Seoane, alcalde de Verín, con Vicente Rodríguez e Aurora Prieto, da Biblioteca Municipal. | FOTO: Carlos Montero.

Os vindeiros 25 e 26 de marzo, a Biblioteca Municipal do Concello de Verín converterá, un ano máis, a vila do Támega no epicentro cultural da novela histórica organizando a quinta edición das súas xornadas. Desta volta levarán por título "Novas miradas na Novela Histórica", e participarán nas mesmas escritores e escritoras de primeiro nivel que disertarán sobre temáticas moi diversas, dentro de devandito xénero literario.

O certame, que terá lugar no Auditorio de Verín, foi presentado este mércores na Biblioteca polo alcalde de Verín, Gerardo Seoane e polos responsables da institución pública e organizadores do evento, Aurora Prieto e Vicente Rodríguez.

 

"Tras o parón obrigado pola pandemia, é todo un pracer poder estar aquí hoxe retomando un dos eventos máis importantes da axenda cultural verinesa", explicou Gerardo Seoane. "Un ano máis, a nosa biblioteca municipal converterá á vila do Támega no epicentro da novela histórica, atraendo a mirada dun total de seis autoras e autores de primeiro nivel dentro deste xénero literario".

Segundo destacou Vicente Rodríguez, nesta quinta edición, participarán -como vén sendo habitual- escritoras e escritores de grande prestixio. As xornadas arrincarán o venres 25 de marzo pola mañá cunha conferencia impartida polos catedráticos de historia e novelistas José Luis Corral e José Calvo Poyato. Baixo o título "As Fake News na historia", a charla estará moderada pola escritora María Zabay, e terá como público en exclusiva aos alumnos e alumnas dos centros de ensino de Verín.

A partir do venres á tarde comezará a programación dirixida ao público en xeral, comezando a xornada co acto inaugural presentado por Lara Páez, en calidade de Voluntaria da Biblioteca do Concello de Verín, e pola concelleira de Cultura, Emilia Somoza.

Un escritor local, entre os convidados

A primeira das conferencias do venres será a do profesor e novelista Alberte Blanco Casal, que centrará a súa intervención falando sobre a batalla de Rande; reflectida na súa novela "Códice esmeralda" (Editorial Xerais, 2017). Seguidamente -e pechando a xornada do venres- será a quenda da escritora María Zabay, quen a través da súa novela "El zapato de la lengua rota" (Editorial Almuzara, 2011) trasladará aos asistentes a un momento histórico crucial para humanidade como foi o amencer do nazismo.

O sábado 26 comezarán cun segundo pase da conferencia "As Fake News na historia" dos profesores e novelistas José Luis Corral e José Calvo Poyato, esta vez, aberta a o público xeral e moderada pola escritora María Zabay. Despois intervirá o escritor, xornalista e presidente da Real Academia, Víctor Fernández Freixanes, cunha conferencia titulada "Memoria e espello de nós", moderada polo etnógrafo e colaborador  habitual da Biblioteca, Miguel Losada. A última conferencia titulada "Castellano: Castilla y los comuneros" será impartida polo escritor Lorenzo Silva. A mesma -que será moderada  por José Calvo Poyato- está relacionada coa súa novela homónima "Castellano" (Editorial Destino, 2021).

Clausura

As V Xornadas de Novela Histórica pecharán coa intervención, a modo de clausura, do antropólogo e tamén colaborador habitual da Biblioteca o Doutor Manuel Mandianes Castro e, seguidamente, do alcalde de Verín Gerardo Seoane Fidalgo.

Así mesmo tódalas sesións das xornadas estarán acompañadas polas intervencións musicais do filólogo e profesor de música do IES Taboada Chivite, David Rodríguez Rivada.

Primeiro ano no que se cobrará entrada

As entradas para o evento, que terán un custo de 2 euros, poderán retirase presencialmente na propia Biblioteca municipal, ou formalizarse realizando un ingreso na conta bancaria do Concello de Verín ABANCA: ES83 2080 5168 1431 1001 4324, debendo neste caso notificarlle o ingreso á biblioteca a través do mail [email protected]. Segundo explicou Vicente Rodríguez, "este ano implementamos unha entrada cun prezo simbólico coa finalidade de evitar, como pasou na cuarta edición das xornadas, que a xente reserve localidades sen ter a certeza absoluta de acudir ao evento, feito que conlevou a que moita xente realmente interesada quedase sen sitio".

Toda a información sobre os relatores e relatoras, entradas ou outras curiosidades están na web oficial do evento: https://www.novhis.bibliotecadeverin.es

NOTICIAS VERÍN | Media ducia de autores, un deles local, nas V Xornadas de Novela...