viernes. 19.04.2024
Raquel Queizás estrou no FIC a "Sopa Cómica". | FOTO: Iván Iglesias.
Raquel Queizás estrou no FIC a "Sopa Cómica". | FOTO: Iván Iglesias.

Os nenos foron os protagonistas nesta mañá do FIC e, da man de Raquel Queizás e a súa “Sopa Cómica”, coñeceron a históricos personaxes do cine en branco e negro e mudo. As gargalladas dalgúns dos cativos escoitáronse no Auditorio de Verín, onde tiveron esta actividade.

O espectáculo comezou con Queizás preparándose para cociñar a súa “sopa” para os cómicos e facendo ela tamén de actriz de cine mudo, sacándolles as primeiras risas ós rapaces. Mentres a narradora oral preparaba sopa no seu pequeno restaurante, atopou un anuncio para ser actriz para o que presentou a súa candidatura. A partir de aí explicoulles como comezou o cine e todos os ingredientes básicos que tiñan as películas cómicas da época.

A través dun libro, os cativos foron coñecendo a súa historia pouco a pouco e tamén ás figuras máis coñecidas e a outras que non o son tanto do cine de principios do século XX. Os fragmentos das películas que puideron ver eran mudas, pero Queizás encargouse de poñerlle algo de voz ao que ocorría, mentres os nenos escachaban coa risa, que cada vez era máis forte.

Chaplin foi un dos artistas que máis recoñeceron os pequenos, pero “Sopa Cómica” deulles a oportunidade de descubrir a moitos máis que os fixeron rir sen parar. “Foi todo moi ben e os nenos, incluso os máis cativos, desfrutaron”, sinalou Queizás.

Por último, os rapaces viron unha serie de curtas de animación para que votasen pola mellor. Mañá, a “Sopa Cómica” terá dúas novas sesións ás 10:00 para menos de 3 a 7 anos e ás 12:00 horas para idades de 8 a 12.

Un dos pequenos desfrutou como se estivese na casa da "Sopa Cómica". | FOTO: Iván Iglesias.
Un dos pequenos desfrutou como se estivese na casa da "Sopa Cómica". | FOTO: Iván Iglesias.

NOTICIAS VERÍN | Os cativos almorzaron unha divertida sopa cómica no FIC