jueves. 25.04.2024
Praza Maior de Viana do Bolo FOTO: Iván Iglesias
Praza Maior de Viana do Bolo FOTO: Iván Iglesias

O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo denuncia que os núcleos de poboación de Ramilo, Cepedelo, Umoso, Quintela de Umoso, Sever e Pradorramisquedo continúan illados dixitalmente e sen cobertura. Os socialistas critican que o goberno municipal de Viana "se poña a carón da empresa encargada de levar cobertura á veciñanza destas aldeas e dea as costas aos veciños e veciñas destas zonas rurais".

Dende o grupo socialista trasladan a súa 'fonda preocupación' trala xuntanza convocada polo goberno municipal e a empresa adxudicataria de levar a telefonía e internet ás aldeas de Viana. Relatan que na mesma "atopámonos coa sorpresa de que os núcleos de poboación que carecen deste servizo, van continuar na mesma situación, xa que a empresa adxudicataria manifesta que non van ter cobertura"

Non obstante, no seu día o alcalde, Abelardo Carballo, trasladou a súa confianza acometendo esta nova acción que, segundo explicaba a este medio, beneficiaría á totalidade dos veciños"Con esa nova banda ancha abarcamos ao 90% do territorio e ao 100% da poboación. É un paso moi importante na nosa zona xa que en varias das aldeas non poden ver nin sequera a televisión pública".

Os socialistas lembran que esta iniciativa foi aprobada por unanimidade, solicitando que o Concello se unira a outros da bisbarra para contratar a dixitalización dos núcleos de poboación que carecían do servizo, tal e  como efectivamente despois ocorreu. “A empresa á que se lle adxudicaron os traballos, instalou uns postes nos altos de Covelo e Quintela, que non fan máis que dar cobertura as zonas nas que xa existía, concretamente ás localidades próximas a Viana, deixando na fenda dixital ao resto de poboacións que non tiñan cobertura”, apuntan dende o PSdeG-PSOE de Viana do Bolo.

Ante isto, propoñen que o Concello lle esixa á empresa a instalación dun repetidor de ondas que permita dotar de cobertura dixital as zonas que carecen dela. “A única solución que nos aportan é que se algún veciño ou veciña solicita cobertura, a empresa instalará un elemento de amplificación nun poste da luz”, indican os socialistas, que tamén apuntan “isto non é máis que un parche, que xa se demostrou noutras zonas da provincia que é deficitario, que presenta interrupcións e que o servizo é lento”.

NOTICIAS VIANA | O PSdeG de Viana reclama melloras reais na cobertura de zonas illadas...