Venres. 29.03.2024
Viana do Bolo.
Viana do Bolo.

O Concello de Viana do Bolo vén de anunciar que o vindeiro 29 de novembro, un equipo de expedición de DNI da Policía de Ourense vai acudir ata a localidade para que todos os interesados poidan renovar o seu documento -ou expedilo por primeira vez- sen necesidade de desprazamento.

Este servizo realízase de xeito periódico "para evitar que os veciños teñan que desprazarse a propósito ata Verín", afirma o alcalde, Abelardo Carballo. "Nós proporcionámoslles o local e o mobiliario para que poidan traballar", engade.

Este trámite terá lugar na Casa da Cultura do municipio onde tamén se atopará a Policía o día 2 de decembro, xoves, momento no que se fará entrega dos novos DNI. O horario de atención ao público -un máximo de 65 persoas- será entre as 09:30h e as 12:30h, e só baixo a solicitude de cita previa. Poderán anotarse no teléfono 988 340 120. 

Os requisitos para a renovación son a achega do documento actual e unha fotografía tamaño carné. No caso de que se desexe modificar algún dos datos persoais, precisarase unha copia da partida de nacemento ou do volante de empadroamento segundo corresponda.

Para a obtención por primeira vez do documento nacional de identidade será precisa a copia da partida de nacemento, o certificado de empadroamento, o certificado de residencia consular -se reside no estranxeiro- e dúas fotografías. Os menores de idade deberán estar acompañados polo pai, nai, titor ou tirora legal, coa súa documentación vixente.

NOTICIAS VIANA | Renovar o DNI sen saír de Viana xa é posible