jueves. 25.04.2024
Casa do Concello de Viana.
Concello de Viana. I FOTO: Iván Iglesias.

O alcalde de Viana do Bolo, Abelardo Carballo, vén de responder no Diario do Támega, ás palabras que o BNG da localidade publicou no seu perfil das redes sociais. Nesa mensaxe, acompañada da fotografía dos catro concelleiros do partido no municipio, dan a entender a súa disconformidade coa xestión dos fondos do concello.

En primeiro lugar, mostraron a súa oposición a unha subida de salario para a praza de secretaría. "Con eses 16.000 euros máis, pasaría a cobrar 69.000 euros ao ano, unha cantidade desmesurada, máis incluso que os conselleiros da Xunta de Galicia", protestan.

Dende o consistorio afirman que "se trata da mesma cantidade que percibía a persoa que ocupaba o cargo con anterioridade" e advirten: "están dicindo cousas que son moi graves, son inxurias. En política non vale todo e menos cando se ataca a traballadores do concello, que son intocables. Que se metan cos políticos, non cos traballadores. Como capitán do barco non lle vou permitir calumnias nin ataques deste estilo", sentencia Carballo.

Os nacionalistas vianeses tamen acusan ao rexedor, ao que se refiren como 'tránsfuga', e ao Partido Popular, liderado por Andrés Montesinos, de querer "malgastar todo o diñeiro de Viana -máis de 3.000.000 de euros- en obras, como a praza de Abastos, a nave do campo da feira ou instalacións de auga, cando quen as ten que pagar é VIAQUA -empresa encargada do servizo de augas-", dos que din ser proxectos "de nula rendibilidade e demanda social".

Pola súa banda o rexedor do municipio afirma que "temos que tirar de remanentes pero estamos xerando crédito. Non entenden que temos subvencións para levar a cabo todos estes proxectos", conclúe.
 

NOTICIAS VIANA | O alcalde de Viana responde ás acusacións do BNG: "Non vou permitir...